DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous centros ourensáns participan nunha nova edición de MicroMundo

Un laboratorio de microbioloxía no instituto

A actividade ten como obxectivo fomentar o uso responsable de antibióticos e espertar vacacións cien

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 06/02/2020

Co dobre obxectivo de fomentar o uso responsable de antibióticos e ao mesmo tempo espertar a vocación científica entre os rapaces e rapazas, os institutos ourensáns IES O Couto e IES Blanco Amor están a acoller a celebración dunha nova edición da iniciativa MicroMundo@UVigo. Nela, as e os escolares teñen a oportunidade de pórse na pel de científicas e científicos que no seu propio laboratorio de microbioloxía buscan a solución a un problema real.

O proxecto MicroMundo, comenta a súa coordinadora para a Universidade de Vigo, a profesora María José Pérez, pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal.

O nodo da Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía, e o seu proxecto está abalado pola Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo da Universidade de Vigo, impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación coa colaboración da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado. Sobre a dinámica do proxecto, María José Pérez sinala como as actividades de MicroMundo@UVigo realízanse nos laboratorios dos centros educativos elixidos durante varias sesións nas que, acompañados dunha ou dun titor, estudantes da Universidade de Vigo voluntarios e previamente formados exercen de profesorado. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias.

Bos resultados

Nesta edición de MicroMundo@UVigo participan 21 estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES O Couto e 11 de primeiro de Bacharelato do IES Blanco Amor. Por parte da Universidade de Vigo, ademais de María José Pérez, participan na iniciativa as alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Antía Iglesias, Iria Polo, Ana Tajes, Tomás González, Alba Martínez, Alba Pérez e Antía Dios. “Estamos encantados por como se están desenvolvendo as primeiras sesións. Os rapaces e rapazas son moi curiosos, están facendo preguntas moi interesantes. De novo está sendo un éxito”, comenta María José Pérez.

Segundo explica a coordinadora do proxecto, “facemos cinco visitas a cada instituto”. En grupos de catro escolares, o alumnado universitario, detalla, acompañado polos titores do centro, explícanlle aos rapaces e rapazas a problemática dos antibióticos e a resistencia a eles e introdúcenos na investigación a desenvolver. “Realmente son os rapaces e rapazas os que collen as mostras e as procesan en busca dun posible antibiótico, coñecendo de primeira man o funcionamento dun laboratorio de microbioloxía e como se segue o método científico para conseguir algo”, comenta María José Pérez. Nesta actividade, engade, “incidimos moito na divulgación da problemática respecto do abuso de antibióticos, para que os rapaces e rapazas a transmitan á súa contorna, nas familias, nos grupos de amigos e amigas, etc”.

Para o alumnado do campus que participa na iniciativa, subliña por último María José Pérez, participar nesta actividade “é unha experiencia moi boa”. Así, explica, “aprenden a xestionar un laboratorio de microbioloxía en técnicas básicas” e ao mesmo tempo teñen a súa primeira experiencia como docentes. O feito de que sexa este alumnado o que tome a batuta de impartir as sesións, sinala a profesora, “está sendo moi positivo porque o feito de que os profesores sexan máis próximos en idade aos rapaces e rapazas failles conectar doutro modo e preguntar con outra liberdade”. Neste contacto, apunta, os escolares tamén se interesan por saber que se pode estudar no campus de Ourense e os universitarios e universitarias participantes “convértense en realidade en embaixadores do campus, algo que tamén é moi interesante”.