DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o sábado 15 de febreiro

A lagoa glaciar de Sanabria, próximo destino das rutas culturais

Poden participar membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/02/2020

As rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo sairán este sábado, 15 de febreiro, de Galicia para coñecer a lagoa glaciar de Sanabria, en Zamora. Será na sétima andaina deste curso académico, que está aberta á participación de membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.

“Superado o ecuador do programa dos roteiros culturais da Universidade de Vigo deste 2019/2020 chega a nosa cita anual coa montaña. Desta volta viaxaremos ao lago de orixe natural máis grande de España, e o maior lago de orixe glaciar de toda Europa, un espazo natural único con máis de 100.000 anos de existencia”, explican desde a organización da andaina. Será, apuntan, un percorrido circular arredor da lagoa de arredor de 15,5 quilómetros de distancia e unha dificultade media ou media-alta dependendo das condicións climáticas.

Inscrición

A inscrición en liña en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro ábrese a inscrición a calquera persoa interesada, apuntándose desde a organización das andainas como o sistema de matrícula vén de actualizarse recentemente. Os prezos de matrícula oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.