DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Juan Oberto Sotomayor ofreceu unha conferencia sobre este tema

Unha lección desde Colombia sobre o papel do dereito penal no control da criminalidade organizada

Durante a súa intervención incidiu en aspectos como a problemática das garantías constitucionais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/10/2019

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo o xoves e a Facultade de Dereito do campus de Ourense este venres acolleron a conferencia O papel do dereito penal no control da criminalidade organizada: análise do caso colombiano, ofrecida por Juan Oberto Sotomayor, catedrático de Dereito Penal da Universidad EAFIT (Colombia). Durante a súa intervención abordou a evolución e as problemáticas asociadas á noción de crime organizado desde un punto de vista penal.

A actividade no caso do campus de Ourense estivo enmarcada no Curso de Actualización Xurídica 2019/2020 da Facultade de Dereito, sendo presentada por Javier de Vicente Remesal, catedrático da Universidade de Vigo, e Francisca Fernández Prol, vicedecana do centro organizador. Na súa intervención Juan Oberto Sotomayor realizou “unha análise do que foi a política criminal en Colombia no control do crime organizado, poñendo presente como a noción de crime organizado foise estendendo, abranguendo cada vez máis número de condutas e condutas moi diferentes”.

A importancia da definición

Segundo detallou o catedrático, orixinalmente o concepto de crime organizado estivo ligado ao tráfico de drogas, propóndose inicialmente na loita contra el “un modelo de excepción, que supón certas limitacións a garantías”. “O problema é que o que inicialmente se propuña como un modelo de excepción, cunha lexislación especial, acabou incorporándose ao código penal. Pasou de ser un modelo excepcional a ser modelo xa xeneralizado ou ordinario que abarcou o sistema penal normal. E ese é o punto grave que queremos resaltar”, afirmou o experto. Así, o catedrático de Dereito Penal colombiano indicou como nos últimos 20 anos “houbo como unha constante na evolución” da noción de crime organizado. “Esta noción foise estendendo a outras condutas que inicialmente non se propoñían como crime organizado, pasando a abranguer actos de corrupción, de bandas de delincuencia de crimes ordinarios... ese é o perigo... que o que se propuña como un modelo de excepción fronte a unha criminalidade particularmente poderosa xeneralizouse a estas condutas”, dixo Juan Oberto Sotomayor. Neste contexto, o relator indicou como esta extensión da noción de crime organizado “está implicando que o sistema penal sexa un sistema penal con máis restricións desde o punto de vista das garantías constitucionais”.

O problema coa noción de crime organizado, afirmou o catedrático, “é quepartimos como dun achegamento case emocional, como dicindo é algo moi grave, algo que temos que combater pero non sempre está claro que é”. Así, fixo fincapé en como é moi difícil definir realmente o que é crime organizado. “O que fai “útil” a esta noción é precisamente a súa vaguidade, que permite adaptala a calquera cousa que se considere importante loitar contra ela desde o punto de vista penal. É como se cada realidade vai xerando o que entende por crime organizado”, dixo Juan Oberto Sotomayor. Así, puxo como exemplo, en Europa na actualidade emprégase este concepto para falar do tráfico de seres humanos, sexa inmigración ou prostitución, cando naceu inicialmente vinculado ao narcotráfico ou cando en Colombia non se asocia o termo a estes fenómenos por non darse nas mesmas circunstancias. “O termo caracterízase pola súa vaguidade moi difícil de definir se non se inclúe nun contexto moi preciso”, recalcou por último.