DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago é o autor de ‘Ganar, ganar y volver a ganar...sin dejar de educar’

Un libro co que achegar a infancia “leccións para a vida” a través do fútbol

O manual reúne unha serie de recomendacións para o traballo co deporte de base

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/05/2019

Proporcionar aos nenos e nenas, a través do balón, “leccións para a vida”. Ese é o propósito da serie de recomendacións que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago reúne no seu libro Ganar, ganar y volver a ganar... sin dejar de educar, un manual no que presenta 25 consellos tanto para mellorar o labor dos adestradores no fútbol base como para “mobilizar os valores educativos” deste deporte. “Para min o principal problema do fútbol é que non se está utilizando todo o potencial que ten para a mellora da educación dos nenos”, sostén o investigador, que incide na capacidade deste deporte para promover valores como o esforzo ou a disciplina nun libro dirixido a “adestradores, pais e nais e a todos aqueles axentes que traballan na formación deportiva”.

Un de cada 10.000

En Galicia existen preto de 100.000 xogadores e xogadoras federados, incluíndo tanto a profesionais e veteranos como aos xogadores e xogadoras en formación e estímase que “cada fin de semana o fútbol move en Galicia aproximadamente 250.000 persoas, entre espectadores, xogadores, árbitros..” Con estas cifras Lago busca subliñar a relevancia dun deporte que “seguramente é o que maior cantidade de nenos e nenas mobiliza e no que é bastante posible que no se estean facendo tan ben as cousas en formación como se deberían”. Nese senso, o docente pon o relevo a necesidade de que “as enormes expectativas que rodean este xogo e que se depositan nos nenos” sexan “reconducidas e dimensionadas”, xa que “sabemos que só un de cada 10.000 chegará a ser futbolista profesional”. De aí que poña o foco en que, máis aló de “axudar a aqueles que teñan talento para que poidan facer unha carreira deportiva”, o traballo no deporte de base debe orientarse “sobre todo a formar persoas, que do fútbol obteñan experiencias que lles axuden na vida”. Valores como o esforzo, como “entender que esforzarse ao máximo é unha condición imprescindible para mellorarse, persoal e profesionalmente”, ou como a disciplina, entendida como “aquilo que che dá a liberdade para ser o que queiras ser”, constitúen ao seu xuízo algún dos aspectos “que deberían mobilizar o deporte” nesta etapa, na que “os adestradores teñen a responsabilidade de construír un modelo de formación que faga mellores persoas aos nenos e nenas”.

Formación e rendemento non son incompatibles

O libro intenta incidir así mesmo “en que formación e rendemento non son incompatibles”, apunta Lago, que explica que "trátase de xogar para gañar” pero partindo da comprensión dunha “diferenciación básica” entre a presión e a esixencia “Cando aos nenos se lles esixe, se lles pide aquilo que depende deles, esforzarse, competir cada balón como se fose o último..., pero o que non se pode facer é presionalos, pedirlle algo que non depende del, como sería gañar o partido, ser o máximo goleador...”, explica o autor do libro, que nese senso subliña que, no deporte de base, “o marcador non é un bo indicador da calidade da formación ou bo do facer do adestrador” e que, polo tanto, “non se pode reproducir o modelo” de traballo con futbolistas profesionais nunha etapa “na que gañar non é sinónimo de facer ben as cousas, nin perder significa que se fixeran mal”. Nese senso, Lago lembra que, no fútbol base, "gañar ou perder depende de tres factores, da maduración biolóxica dos nenos e nenas, do talento e da sorte”, de tal xeito que un equipo “bioloxicamente menos desenvolvido que o seu rival” ou sen talento “non vai gañar aínda que faga moi ben as cousas”, de tal xeito que, engade, "do que se trata é de que os nenos se divirtan e aprendan leccións para a vida”.

25 consellos sinxelos e útiles

O punto de partida deste libro e doutras publicacións, como Cortita y al pie, deste catedrático atópase, explica, nunha vontade de transferencia, xa que “sabemos que, no ámbito do deporte, só o 1% dos adestradores declara que le artigos en revistas científicas, pero un 20% le libros”. Con esa idea, Lago presenta no libro 25 consellos que buscou que fosen “como pequenas pílulas, algo útil, práctico e áxil, pero sen perder o rigor na mensaxe”, explica, de tal xeito que “todo o que se di está soportado pola investigación”. 

Así, nos diferentes capítulos abórdanse cuestións como o xeito idóneo de comunicarse cos nenos e nenas, “poñéndose á súa altura, mirándolle aos ollos, dándolle unha información breve”, diferentes estratexias que, explica Lago, “facilitan as melloras na aprendizaxe". Do mesmo xeito, a publicación detense tamén no propio deseño de tarefas de adestramento, poñendo o foco “nun aspecto clave na formación, o tempo que os nenos están traballando o obxectivo da sesión”, xa que “un dos aspectos que define a un bo adestrador é que inviste pouco tempo na organización das tarefas, nas explicacións e na colocación do material”. Neste senso, outro dos capítulos ofrece recomendacións concretas como a supresión das ringleiras, dos xogos de eliminación ou “das rotacións máis difíciles” entre tarefas. “Se pos a un neno nunha fila de oito, por cada segundo que traballa sete está esperando”, salienta Lago, quen neste mesmo senso avoga por suprimir dos adestramentos aquela serie de xogos “onde sempre se elimina primeiro da tarefa ao que ten menos nivel, que é ademais o que máis tempo necesita de práctica”.  

Con ese mesmo propósito, o libro complétase cun modelo de “avaliación de adestradores”, no que a partires dunha serie de apartados, técnicos e técnicas poden obter unha puntuación respecto de como están desenvolvendo o seu labor en ámbitos como a comunicación con nenos e nenas, o deseño das tarefas, o xeito no que se relación con pais e nais e como eles mesmos se comportan nos partidos, “catro apartados que para min definen que hai unha boa dirección na formación no fútbol”, engade o autor.