DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu a presentación dunha publicación dedicada a este profesor emérito

Un libro e unha homenaxe para o historiador e o amigo Jesús de Juana

29 especialistas participan na obra

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/02/2020

Cheo de amizades e cheo de emoción. Así foi o acto de homenaxe que este luns dedicou a Facultade de Historia do campus de Ourense ao catedrático emérito deste centro Jesús de Juana. Na celebración presentouse o libro Indivisa manent. Estudos en homenaxe a Jesús de Juana, unha obra froito de dous anos de traballo na que case unha trintena de especialistas renden tributo ao historiador nado en Molina de Aragón en 1949 pero ourensán de “adopción e devoción”.  

Embargado pola “emoción” da homenaxe e pola “xenerosidade” das persoas presentes e das que participaron no libro, o catedrático emérito salientou a satisfacción de ver que “se estades aquí verdadeiramente non é polo que traballei, é por amizade, e iso eu agradézoo infinitamente”. Ao longo do seu discurso, Jesús de Juana fixo un repaso pola súa historia persoal e profesional enlazándoa coa evolución do campus e da cidade de Ourense, a onde chegou en 1976. No seu discurso tivo palabras de recoñecemento para as persoas que marcaron este devir persoal e colectivo, lembrando como “a gratitude é a memoria do corazón”, para rematar cun agradecemento á súa muller e fillos e un “grazas a todos”.

Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, deu a benvida ás e aos asistentes destacando como “as persoas que  participamos nesta obra quixemos expresar o noso respecto e cariño non só pola traxectoria académica de Jesús de Juana senón tamén pola propia persoa, sempre amable e disposto a botar unha man e con ese talante tan optimista que mantén incluso nos momentos difíciles”. Do homenaxeado, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, subliñou como “foi un vimbio fundamental deste campus, co seu traballo a todos os niveis foi unha peza importantísima da súa historia”. Pola súa banda, Manuel Baltar salientou do homenaxeado que “estamos a falar dun grande de Ourense” polo que quixo “agradecer o seu compromiso con esta terra”.

Julio Prada, editor da publicación xunto a Domingo Rodríguez Teijeiro, foi o encargado de dar unhas pinceladas no acto sobre a dilatada traxectoria do homenaxeado tanto no eido docente e investigador como ocupando cargos, tanto en institucións académicas como da administración. Porén, recalcou, “o que hoxe nos congregou aquí a todos e todas nós non son tanto os méritos científicos, docentes, de xestión e transferencia, porque por riba de todo o que nos une a el, como dalgún xeito quixemos deixar constancia no propio título do libro, son as súas calidades humanas e  persoais”. Así, Julio Prada lembrou como el e Jesús de Juana se coñeceron hai 34 anos e como “en lugares e tempos nos que parece que cada vez teñen menos cabida o afecto e máis a competitividade, compartimos ilusións, afectos e momentos que penso que a ambos nos enriqueceron como persoas”.

Case 900 páxinas

O libro Indivisa manent. Estudos en homenaxe a Jesús de Juana, está editado por Galaxia, e nas súas case 900 páxinas recolle 28 textos feitos por 29 especialistas, ademais dun texto de agradecemento do propio Jesús de Juana. Julio Prada arranca a publicación facendo un esbozo da bibliografía do homenaxeado, desde o seu nacemento ata o seu nomeamento en 2019 como profesor emérito da Universidade de Vigo. Tras el, compañeiros e compañeiras das facultades de Historia de Santiago de Compostela e Ourense, onde traballou, e outros especialistas de diferentes disciplinas cos que ao longo da súa dilatada traxectoria se relacionou Jesús de Juana, homenaxean ao catedrático con artigos nos que abordan algún aspecto da súa área de coñecemento. Así, as e os lectores poden atopar textos dunha grande diversidades de temáticas e áreas, como a cultura celta e as posturas historiográficas, a imaxe de 'cavewoman' na cultura popular contemporánea, Luis Seoane, a carpintería de armar na arquitectura monástica, a publicación O Tío Farruco ou a división departamental francesa e as prefecturas de Xosé Bonaparte. A publicación remata cun texto do homenaxeado titulado De animo grato et disciplina nostra na que fai un repaso pola súa traxectoria humana e profesional e polo papel da historia, para acabar lembrando como “é moi convinte coñecer o pasado para ter unha ferramenta de defensa da democracia e unha actitude segura para enfrontrármonos ao futuro”.