DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sabela Gago ofreceu unha conferencia sobre animación á lectura

O libro infantil, unha ferramenta para facer lectores “voluntarios”

Na súa intervención falou de como traballar co álbum ilustrado na aula

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/11/2019

Como traballar co álbum ilustrado na aula de Educación Infantil e como converter a nenos e nenas en futuros lectores. Estes dous eixes de acción guiaron este martes unha conferencia que ofreceu na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Sabela Gago, pedagoga, actriz, contadora de contacontos e fundadora da campaña de animación á lectura do Concello de Ourense que se desenvolveu durante máis de dúas décadas.  

A conferencia estivo organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina e levou por título Animación á lectura para a infancia. O seu obxectivo, apuntou Sabela Gago, foi explicarlle aos estudantes presentes “que facer coa literatura infantil na aula”, tocando desde os tipos de libros ata as estratexias para empregalos e salientando a importancia de abranguer no seu uso tanto o antes como o durante como o despois da lectura.

Sabela Gago subliñou a necesidade de fomentar nos nenos e nenas “ler simplemente por pracer”. “Ler para buscar adxectivos, ler para fomentar a igualdade, ler para comunicarte, ler para informarte... iso todo sabémolo pero o que a min me importa na animación á lectura é que o neno atope o seu “ler por pracer” pois así vamos a ter un lector para toda a vida. Iso é o difícil de conseguir”, apuntou a pedagoga. Neste senso, recalcou a importancia de que a neno ou neno “sexa lector voluntario”. “Que te lean é unha marabilla, é moi fácil, que se fagan actividades arredor do libro é unha gozada pero a animación á lectura o que pretende é que o neno sexa lector voluntario, que entre toda a gama de ocio que ten ao seu alcance elixa un libro en vez dunha máquina ou da televisión... iso é o auténtico obxectivo da animación á lectura, desde a miña visión subxectiva claro”, afirmou a contadora de contos. Para acadar esta fidelización, Sabela Gago destacou como é fundamental que o profesorado lle contaxie a nenos e nenas a paixón pola lectura.