DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha publicación afonda neste tipo de obras desde unha perspectiva de xénero

Un libro para pór en valor as potencialidades do libro-obxecto

Está coordinado pola profesora de Ciencias da Educación Isabel Mociño

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 25/11/2019

Unha monografía na que se recollen 14 estudos nos que se abordan, desde unha perspectiva de xénero, diferentes modalidades do libro-obxecto, as súas características e as súas potencialidades para a lectura, determinadas fundamentalmente pola materialidade. Así se presenta a publicación Libro-obxecto e xénero: estudos ao redor do libro infantil como artefacto, coordinado por Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, xorde como froito da celebración en abril de 2018 no campus de Ourense do Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero. “O que pretendiamos con esta publicación era que as reflexións, a posta en común e as propostas que se trouxeron a ese seminario de investigación se enriquecesen nunha redacción final e nunha proposta de monografía. Queriamos que o que era unha reunión de investigación puidese transcender o ámbito da investigación e a universidade e chegar á sociedade”, comenta Isabel Mociño. O seminario, e a publicación que agora se presenta, indica a súa coordinadora, forman parte da actividade que desde o ano 2016 desenvolve un grupo de investigación internacional sobre o libro-obxecto, do que forma parte a propia Isabel Mociño, e que reúne a fundamentalmente investigadoras das universidades estatais de Vigo, Santiago de Compostela, Zaragoza e Cádiz; das universidades lusas de Aveiro, Évora e Minho, e das brasileiras Universidade Federal de Santa Catarina e Pontificia Universidade Católica de São Paulo.

Na publicación, comenta Isabel Mociño, “hai artigos que se centran nunha soa obra de procedencia moi diversa, outros que abordan a produción dalgunha autora e outros que analizan como é representado o feminino nestes libros. Hai un pouco de todo”. No que si coinciden as diferentes contribucións, apunta, é en xirar arredor de dous eixos, como son o libro-obxecto, “o libro condicionado pola súa materialidade”, e a perspectiva de xénero, facendo fincapé na contribución principalmente de mulleres neste eido de estudo. “Concibimos esta monografía como espazo de reflexión, estudo e investigación sobre as potencialidades dos libro-obxecto, unha produción que ten sido invisibilizada e colocada nunha posición de subalternidade”, apunta a profesora.

Primeiro contacto da infancia co libro

Falar do libro obxecto, comenta Isabel Mociño, é situarse "ante un campo experimental que abrangue un amplo universo ao redor do álbum ilustrado, dos libros interactivos e tridimensionais, nos que os procedementos materiais, de deseño e as diferentes linguaxes manteñen un constante diálogo creador". Nesta publicación, sinala, préstase especial atención ao papel creativo das mulleres e á súa representación nos libros-obxecto, unha produción que, en moitos casos, apunta, “é o primeiro contacto da infancia co libro”. Así, explica a profesora, “é relevante atender ás perspectivas que sobre os roles de xénero e a identidade persoal e cultural transmiten os materiais literarios empregados, dado que son instrumentos fundamentais na creación de representacións simbólicas de subxectividade, entre elas a da identidade de mulleres e homes”.

Todas as achegas recollidas na publicación, comenta Isabel Mociño, “demostran que o libro-obxecto é un campo aberto á interdisciplinariedade, no que prima unha enorme liberdade expresiva e no que as mulleres teñen voz propia e marcan liñas de acción”. A súa posta en valor, subliña, “é fundamental, dado que estamos ante un instrumento que contribúe á adquisición do hábito lector e a unha relación afectivo-emocional coa lectura, especialmente polo vínculo adulto-infancia que promove”.