DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu o acto de benvida ao novo alumnado sénior

Máis de 100 persoas formaranse este curso no campus no Programa de Maiores

83 están matriculadas no ciclo intensivo e 19 no integrado

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/09/2019

Nunca é tarde para formarse é o lema do Programa Universitario para Maiores (PUM), unha iniciativa formativa para maiores de 55 anos que este curso contará con 102 alumnos e alumnas no campus pontevedrés. 83 destes alumnos e alumnas sénior cursarán o ciclo intensivo, que agrupa un programa de materias específico para este colectivo, mentres que outras 19 participarán no ciclo integrado, no que poden cursar materias dos diferentes graos. A sede da Vicerreitoría acolleu este venres un acto de benvida no que os alumnos e alumnas sénior puideron coñecer a oferta formativa e cultural que a institución académica desenvolve na cidade.

Neste acto, o coordinador do Programa de Maiores no campus, Iván Martínez, puxo de relevo a “boa aceptación” que no presente curso recibiu esta iniciativa formativa, que incorpora 27 novos alumnos e alumnas ao seu ciclo intensivo, “máis do dobre” que o curso anterior. Martínez salientou así mesmo que o PUM atópase actualmente nun período de cambios e, de feito, entre as 32 materias que integran no campus o ciclo integrado, “once son novas e outras 15 foron reformuladas a partires das existentes, mentres que outras seis se manteñen”. No caso do intensivo, os e as estudantes poden escoller entre 25 materias pertencentes a sete dos graos que se imparten nas diferentes facultades e escolas, explicou o coordinador do PUM, que lembrou aos e ás asistentes que a xeración de coñecemento e o fomento do espírito crítico son dúas das funcións centrais da Universidade, “e cremos que desde ese punto de vista a vosa achega é definitiva”.

Parte da comunidade universitaria

Este acto de benvida foi presidido polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen lembrou ao alumnado sénior que xa son "parte dunha unha Universidade aberta, moderna e de futuro”, o que depende en gran medida, lembrou, “das persoas que a compoñen”. Nese senso, Soto puxo de relevo “a forte aposta do equipo de goberno” da institución académica polo PUM, á vez que convidou ao seu alumnado a participar nas “numerosas actividades culturais, deportivas ou formativas” que se desenvolven no campus. Co propósito precisamente de darlles a coñecer a oferta cultural impulsada desde a Vicerreitoría, o acto contou coa participación do director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho; así como da directora da súa biblioteca central, Laura González. Completou a rolda de intervencións o presidente da asociación de alumnado sénior do campus Asaexs, Miguel Ángel Yebra, quen deu a coñecer aos asistentes as actividades que promove este colectivo, como a revista dixital Gaudeamus, ao tempo que sinalou que, “como asociación queremos pór en valor os sénior, xente que ten moito que achegar e á que á Universidade pode achegarlle moito”.  

“Unha maneira estupenda de ocupar o tempo”

Entre os novos alumnos que no presente curso se incorporan ao PUM atópase Enrique Nartallo, que recoñece o seu interese por cursar as materias centradas na historia de Galicia e de Pontevedra, á vez que por formarse en filosofía e xadrez, unha das novas materias que se suma neste curso ao programa. “Creo que é unha maneira estupenda de ocupar o tempo”, salienta este alumno, que decidiu matricularse no PUM “por inquedanza e tamén porque as miñas fillas animáronme moito a facelo”. Tamén comeza este curso o ciclo integrado Isabel Alonso, que recoñece a ilusión non cumprida que tivo cando era moza de cursar Filosofía e Letras como un dos motivos para matricularse. “Paréceme interesante todo o que sexa estudar, todo o que sexa activar o cerebro”, engade esta alumna, quen por outra banda bota en falta “unha materia relacionada coa literatura, que é o que máis me gusta”. Así mesmo, o acto contou tamén coa presenza de alumnos do ciclo integrado como José Luis Fernández, titulado en Maxisterio e que combinará este ano materias dos dous ciclos. “Vou xogando coas dúas cousas e collendo aquelo que me apetece facer”, explica este alumno, que o pasado curso compartiu xa aula e grupos de traballo co alumnado de grao “e a verdade é que a experiencia estivo moi ben”.