DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 120 persoas participaron no evento celebrado no Pavillón Universitario

O Maratón Solidario de Zumba reúne 250 quilos de alimentos 

Os produtos doados foron entregados ao comedor social dos Pais Franciscanos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/11/2019

Preto de 120 persoas participaron na tarde deste xoves no Pavillón Universitario na décimo sétima edición do Maratón Solidario de Zumba, unha iniciativa promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo xunto coa Vicerreitoría do campus que busca tanto promover a práctica de actividade física como contribuír ao labor social que desenvolve en Pontevedra o comedor social dos Pais Franciscanos. Aberto ao conxunto da cidadanía, solicitouse como cada ano aos e ás participantes que achegasen cando menos un quilo de alimentos perecedoiros a modo de inscrición, o que fixo posible reunir, como apunta o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Gustavo Loureiro, preto de 250 quilos de produtos, que tralo remate do evento foron entregados xa no comedor.

Nunha edición que adiantou as súas habituais datas de celebración, nos días previos ao Nadal, a finais de novembro, aqueles e aquelas que se achegaron polo Pavillón Universitario movéronse ao ritmo das coreografías, que combinaban os exercicios aeróbicos cos pasos de baile, propostas por catro monitores e monitoras, baixo a coordinación de Bruno Hermida, responsable de Fiestaloka.com. Así mesmo, grazas á colaboración de Coca-Cola e Gadis, as e os participantes contaron con bebidas, froita e barriñas enerxéticas para repor folgos e seguir bailando.