DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza a través de Campus Remoto con membros do Consello Forestal de Galicia

Medio Rural, UVigo e USC consensúan co sector os contidos do futuro inventario forestal galego

No marco dun convenio entre a Xunta e as dúas universidades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/06/2020

Representantes da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela mantiveron este xoves unha xuntanza, a través do Campus Remoto da institución viguesa, con diferentes membros do Consello Forestal de Galicia. O obxectivo desta “videoxornada de participación” era tratar de consensuar coas entidades que integran este órgano que contidos sería necesario incorporar ao futuro inventario forestal continuo de Galicia, que, xunto coa Consellería, investigadores e investigadoras das dúas universidades desenvolverán ao longo dos próximos tres anos no marco do convenio asinado entre as institucións académicas e a Xunta.

Un deseño que dea respostas ao sector

A xornada celebrada este xoves abriuse coas intervencións do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta, José Luis Chan, do director da EE Forestal, Juan Picos, e do investigador da USC César Pérez Cruzado, e nel participaron representantes das diferentes organizacións, asociacións e entidades que integran o consello, xunto con investigadores e investigadoras das dúas universidades. “Como un proxecto estratéxico para Galicia a longo prazo, buscamos deseñar o inventario atendendo ás demandas das organizacións presentes no Consello Forestal, que asumimos que representan un pouco todas as sensibilidades do sector”, salienta Picos. En colaboración co persoal da Consellería, o proxecto contará coa participación das investigadoras Julia Armesto, Laura Alonso e do propio Juan Picos por parte da EE Forestal e do grupo de investigación da Unidade de Xestión Forestal da EPSE de Lugo. Nun primeiro termo, traballarán conxuntamente no deseño dunha metodoloxía de inventariado que, combinará as medicións físicas en parcelas co uso de imaxes de satélites, drons e outras ferramentas de teledetección. 

O deseño desta metodoloxía busca así responder a un “proceso aberto”, como explicou Pérez Cruzado, que presentou nesta xornada presentou os resultados dunha enquisa realizada pola USC aos e ás integrantes do Consello Forestal co obxectivo de coñecer as súas expectativas, demandas e necesidades respecto do futuro inventario. Nese senso, a xornada permitiu tanto presentar os primeiros traballos levados a cabo no marco deste proxecto, como “preguntarlles que poderían necesitar, para a partir de aí, sermos capaces de avaliar ata onde podemos cumprir esas demandas, dentro das posibilidades técnicas e económicas”, engadiu Picos.

Con esa mesma idea, no seo da xuntanza a Consellería de Medio Rural creou un grupo de traballo coas organizacións sectoriais que remitiron as súas inquedanzas a través da enquisa. Deste xeito, informa o Goberno galego, “manterase unha liña activa de participación e transferencia de resultados parciais” no desenvolvemento deste inventario forestal continuo, un “traballo conxunto que resulta estratéxico”, sinalan, para a cadea monte-industria de Galicia.

Un inventariado continuo

O desenvolvemento deste Inventario Forestal Continuo de Galicia busca establecer unha folla de ruta conxunta que permita tanto facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, como crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe continuado. De tres anos de duración, este proxecto conta cun orzamento de algo máis de 640.000 euros, dos que 574.000 serán achegados pola Consellería do Medio Rural e os 68.000 restantes polas universidades. O propósito do proxecto, como explica Picos, é en primeiro termo deseñar conxuntamente esa metodoloxía de inventariado, na que se empregarán diferentes sistemas de teledetección, para, xa no último ano, poñela proba por primeira vez, realizando un inventariado de todas as masas forestais de Galicia, “para logo transferila e que sexa Medio Rural quen se encargue de seguir levando o proxecto adiante e nós pasemos a un rol de supervisión técnica”. 

Nese senso, fronte ao Inventario Forestal Nacional, que se realiza cada dez anos, este proxecto busca xerar un “inventario continuo”, no que anualmente se sumen novos datos de diferentes variables, explica Picos. Deste xeito, como engadiu neste acto José Luis Chan, búscase xerar, con independencia da calidade do inventariado estatal, unha metodoloxía adaptada á realidade forestal de Galicia, “que polas súas características necesita unha información máis detallada e cunha periodicidade máis curta”.