A XXI edición da Miteu arrancou coa última obra da Aula de Teatro da USC
De como o medo pode condicionar a vida das persoas
A Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) supera a barreira dos vinte anos achegando á Universidade de Vigo propostas teatrais innovadoras. Nesta vixésimo primeira edición representaranse 6 pezas no Teatro Vidal Bolaño entre os meses de marzo e abril. A inauguración desta nova edición tivo lugar na tarde deste mércores coa representación de “A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour”, última produción da Aula de Teatro da USC estreada o pasado 3 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Durante os seus 47 minutos de duración, a peza propuxo unha reflexión de como o medo pode condicionar a vida.
Interpretada por Lara Pouso, Xiana Fole, Antía González e Inma Fernández e a partir dos textos e da dirección de Roberto Salgueiro, a peza baséase en que que “se algo caracteriza o medo é a súa capacidade mimetismo. Como os insectos que se confunden entre as follas das árbores ou os roedores que, inmóbiles, pasan desapercibidos entre a herba dos prados, o medo coñece perfectamente o medio onde se desenvolve e pon en marcha as estratexias necesarias para non ser recoñecido”.
O teatro retorna ao campus en abril
A próxima representación da XXI edición da Miteu, a cargo da Aula de Teatro Universitaria de Ourense – Mariacastaña 2019, terá lugar o día 3 de abril no Teatro Vidal Bolaño ás 18.30 horas. A peza escollida nesta ocasión será “Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse”, dirixida por Fernando Dacosta.