DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle este xoves e venres o encontro anual das secretarías destes órganos

A mellora da comunicación e a transparencia, un reto para os consellos sociais das universidades españolas

Esta cita anual celébrase por primeira vez en Galicia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 20/02/2020

Comunicación, transparencia e investigación. Sobre o reto que supón avanzar no desenvolvemento destes tres eixes de traballo celébrase este xoves e venres na cidade de Ourense o encontro anual das Secretarías dos Consellos Sociais das universidades españolas. A cita, que ten lugar por primeira vez en Galicia, conta coa participación de 30 representantes destes órganos. “A comunicación é un compoñente esencial para os Consellos Sociais como xerador de confianza na sociedade”, subliñou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, na benvida ás e aos asistentes.

Durante a inauguración do encontro, que ten lugar na sede en Ourense de Afundación e leva por título Comunicación e transparencia. En que poden mellorar os Consellos Sociais?, Ernesto Pedrosa subliñou como “a comunicación é un tema fundamental en todos os ámbitos e tamén para os Consellos Sociais, que temos como misión prioritaria implicar á sociedade nas iniciativas das universidades”. O presidente deste órgano na Universidade de Vigo salientou a importancia de “axudar a que as universidades se comuniquen cada vez mellor coa sociedade” e afondar na comunicación e transparencia para que “os Consellos Sociais sexan cada vez máis visibles e teñan así máis transcendencia, máis importancia e sexan máis respectados”.

Miguel Ángel Acosta, secretario xeral da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, indicou na súa intervención como desde este órgano están traballando no que será o futuro dos Consellos Sociais e como nesa tarefa “poñemos empeño” en que os Consellos Sociais sexan “órganos fiables, efectivos e con credibilidade para toda a comunidade universitaria e para a sociedade en xeral” co obxectivo último de que as “universidades funcionen mellor”.

O rendemento de contas

Pola súa banda, Elena Marín, presidenta da Comisión de Secretarios da Conferencia dos Consellos Sociais das Universidades Españolas apuntou na súa intervención como “entendemos que na actualidade a xestión da comunicación nas institucións está cobrando cada vez máis e máis peso e estase convertendo nunha estratexia no rendemento de contas”. Esta xestión da comunicación para a transparencia, apuntou, “é unha forma de entender a institución tanto na súa vertente interna como externa”. Elena Marín tamén fixo fincapé na comunicación científica, subliñando como “nas universidades españolas temos investigadores fantásticos tanto en investigación básica como aplicada que seguro que a sociedade agradece que lle ensinemos”, e como desde os Consellos Sociais “traballamos en clave de sumar á comunicación que realizan as universidades”.

Ignacio Rodríguez, secretario do Consello Social da Universidade de Vigo, explicou como nesta ocasión escolleuse como tema da reunión anual destas Secretarías a comunicación e a transparencia xa que, sinalou, “deste Vigo entendemos que a comunicación é determinante para que as universidades teñan unha proxección mediática, sexan máis coñecidas e ao ser máis coñecidas sexan máis respectadas, máis valoradas, máis apoiadas pola sociedade”. Dentro da comunicación, detallou, “queremos falar de comunicación científica porque entendemos que se a sociedade sabe o que fan os investigadores nas universidades, se o entenden e o aprecian, será moito máis receptiva a mellorar e apoiar a investigación”.

Tras a inauguración da cita celebrouse o pleno da comisión sectorial de secretarios e desenvolveuse unha mesa redonda que tivo por título A transparencia conta soa, por que deben contribuír os Consellos Sociais a mellorar a transparencia das universidades, na que participaron Vicente Boquera, secretario do Consello Social da Universidad de Valencia; Javier M. Cavanna, director da Fundación Compromiso y Transparencia; David Basalo, coordinador da Unidade de Análise e Programas da Universidade de Vigo, e Santiago González, secretario da Comisión de Transparencia de Galicia. A xornada continuará o venres analizando a utilidade da comunicación en redes sociais para estes órganos e a comunicación da ciencia por parte do persoal investigador, contando coa participación de Elena Marín, secretaria do Consello Social da Universidad de Zaragoza; Lázaro Marín, director de comunicación da Universidad Miguel Hernández; Javier Ablitas, de comunicación da Conferencia de Consellos Sociais; Ignacio Rodríguez, secretario do Consello Social da Universidade de Vigo, e Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela.