DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta proposta foi a gañadora da 1ª edición do Desafío Cintecx, dotado con 25.000 euros

O MTI, sede de Cintecx, será o primeiro edificio da UVigo con xemelgo dixital

Este proxecto facilitará a monitoraxe de todas as condicións ambientais destas instalacións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/03/2020

O MTI, sede de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, converterase antes de finais de ano no primeiro edificio da Universidade de Vigo cun xemelgo dixital, unha réplica virtual realizada a imaxe e semellanza do propio edificio, o que facilitará o control en tempo real da calidade do aire do interior das instalacións, incluíndo parámetros como os niveis de dióxido de carbono, temperatura, humidade ou gas radon,  factores clave para garantir as cuestións relacionadas coa saúde e a eficiencia enerxética destas instalacións. Este traballo é a proposta gañadora do Desafío Cintecx 2020, un concurso de ideas e proxectos financiado por Cintecx con 25.000 euros, cantidade que se destinará integramente ao desenvolvemento deste proxecto.

Coordinada polo investigador Enrique Granada, do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, esta proposta levarase a cabo ao longo dos vindeiros meses e consistirá na representación dixital de múltiples vistas do Módulo Tecnolóxico Industrial. En particular o xemelgo dixital centrarase no andar -1 do edificio, onde están instaladas un gran número de infraestruturas empregadas polos grupos de investigación do Cintecx, centro adscrito ao campus de especialización do Vigo Tecnolóxico, e facilitará a monitoraxe de todas as condicións ambientais do edificio. 

O proxecto levarase a cabo entre os grupos GTE e GeoTech

A proposta involucra a dous grupos de investigación do Cintecx, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE, e o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, e fomenta a colaboración con outras entidades do sector privado, como son as empresas Insitu, Soltec e Norlean. “Este foi o primeiro ano desta idea innovadora e os grupos de investigación enviaron propostas moi interesantes”, salienta José Luis Martínez Lastra, director do centro, ao tempo que explicou que nesta primeira edición dos Desafíos Cintecx se elixiu como temática os xemelgos dixitais, unha decisión que veu motivada pola tendencia existente no sector industrial da dixitalización dos procesos. “Un compoñente importante de todo ese proceso de dixitalización é precisamente a creación de réplicas dixitais que permiten recrear o posible comportamento deses produtos, servizos, sistemas... e así ver que podería acontecer baixo determinadas situacións de estrés do sistema”, explicaron desde o centro.

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas será o encargado de desenvolvemento e instalación de catro dispositivos fixos que se montarán en diferentes puntos das paredes para monitoraxe ambiental. “A maiores durante arredor de catro semanas imos colocar tamén un dispositivo móbil, localizado nun pequeno carriño cunha barra vertical de arredor de 180 centímetros”, explica o profesor Enrique Granada, que fixo fincapé na importancia de combinar ambos sistemas de monitoraxe, o fixo e o móbil, para poder chegar a predicir a calidade do aire en calquera punto do edificio.

No caso do grupo GeoTech, “o traballo vai consistir en xerar os modelos xeométricos dixitais que van servir de base para soportar todo o proceso de dixitalización do sistema”, explica o director do grupo, o profesor Pedro Arias, quen subliñou que, entre outras, se empregarán algunhas das últimas tecnoloxías dixitais como son os sensores Lidar (Light Detection and Ranging).

Colaboración de varias empresas e de Ageinco

A maiores no proxecto colabora tamén a empresa Insitu, spin-off da UVigo, que será a encargada de montar o sistema de cámaras dirixidas a controlar o movemento de persoas dentro do edificio (cantas saen, cantas entran, en que estancias hai movementos, en cales non...) e as firmas Soltec, especializada na realización de auditorías enerxéticas, e a súa spin-off Norlean, centrada especificamente en cuestións relacionadas co xemelgo dixital. “No caso de Soltec imos encargarnos da definición de parámetros relacionados coa eficiencia enerxética do edificio, e no de Norlean de realizar as simulacións para poder navegar polas diferentes estancias de xeito dixital”, explicou José Mª Alonso, director de I+D destas firmas. Aos grupos de investigación e a estas empresas sumarase  tamén Ageinco, a Asociación galega de empresas de enxeñaría, consultaría e servizos tecnolóxicos, que colaborarán en todo o relacionado coa difusión á contorna industrial dos diferentes avances que se consigan no proxecto.

A versión final darase a coñecer coincidindo coa celebración de Divulgando Ciencia Singular

Esta foi a 1ª edición do Desafío Cintecx, un concurso aberto á participación de todos os grupos de investigación do centro e no que se valora especialmente a colaboración con persoal investigador doutros equipos de traballo, tanto da UVigo como externos. De cara a como será a elección da temática do vindeiro ano, desde a dirección do centro adiantan que a semana do 6 de xullo terá lugar a Summer Camp e, entre outras actividades, reuniranse para a súa constitución as dúas comisións asesoras do Cintecx: a científica e a industrial, entre cuxas funcións están a elección da temática do Desafío 2021”. A maiores, esa semana tamén se amosará o avance do proxecto gañador do Desafío 2020 e haberá dúas conferencias relacionadas coa Industria 4.0.

A versión final do proxecto gañador darase a coñecer o próximo outono coincidindo cunha nova edición de Divulgando Ciencia Singular, programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica á sociedade dos centros singulares de investigación da Universidade de Vigo (Centro de Investigación Mariña, atlanTTic, Cinbio e Cintecx).