DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fernando Ramallo participa nun libro para visibilizar a diversidade lingüística de España

O neofalantismo como movemento clave para a revitalización das linguas minoradas

Os novos galegofalantes elixen entre as variantes estándar, tradicional ou reintegracionista

Tags
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Académica
Antía R.G. DUVI 10/01/2020

O futuro das linguas minoradas é un tema de especial interese para os investigadores do ámbito da sociolingüística. Moitos deles, conscientes de que se trata dun contexto no que os idiomas están en continuo movemento, sinalan que estamos ante “o tempo do neofalantismo”, un tempo que ten que ser, “necesariamente limitado”. Este papel dos neofalantes como factor clave para a revitalización das linguas minoradas é un dos puntos de estudo do libro Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español, un volume que recolle as primeiras conclusións dun proxecto de investigación no que están involucrados investigadores de Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano. 

O traballo está coordinado polo profesor do Departamento de Tradución e Lingüística e director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo xunto con Estíbaliz Amorrortu da Universidade de Deusto e Maite Puigdevall da Universitat Oberta de Catalunya. 

O volume consta de dez capítulos nos que 14 investigadoras e investigadores abordan as diferentes casuísticas que se dan no territorio nacional no proceso de neofalantismo en galego, éuscaro, catalán e aragonés. O libro tamén repasa algúns dos retos que o suxeito neofalante ten no futuro máis inmediato. En concreto, remarca Fernando Ramallo, “cremos que se teñen que crear e fortalecer as condicións para a súa conformación como suxeito clave para o mantemento das linguas minoradas”.

Ademais, como explica o profesor Ramallo, a pesar de existir múltiples estudos neste eido, este é o primeiro que se publica en castelán, coa intención de que chegue a un público xeral interesado nas minorías lingüísticas ben sexan ou non falantes das mesmas.

O neofalantismo, un “momento histórico a superar”

En relación á situación do neofalantismo en Galicia, o profesor Fernando Ramallo considera que nos atopamos nun momento histórico no que conflúen dous procesos sociolingüísticos contraditorios. Explica que “dunha banda, está a transmisión interxeracional, claramente deteriorada por razóns ben coñecidas; doutra banda, a transmisión intraxeracional, que é a que dá oportunidade ao xurdimento do suxeito neofalante”. Para o investigador, “esta última debe ser superada co rexurdimento da primeira, facilitada polas propias e propios neofalantes que reproducen na casa a lingua da que se apropiaron e converteron en principal”, encargándose de transmitila novamente de pais a fillos. É por iso, que para Ramallo o neofalantismo é “un momento histórico a superar”.

O perfil do neofalante

Un debate que continúa vixente entre as e os estudosos da sociolingüística é se existe ou non un perfil de neofalante de linguas minoradas no Estado español. Para Fernando Ramallo “hai elementos compartidos, pero non son suficientes para falar dun único perfil”. Explica que pouco se parecen os neofalantes das comunidades estudadas no libro (Galicia, Euskadi, Aragón e Cataluña) entre si debido a que en cada unha delas as condicións materiais nas que se desenvolven as linguas son diferentes. “No caso do galego, diríamos que a consecuencia prioritaria do neofalantismo, que non a única, é a revitalización”. No caso do éuscaro, engade, “falamos de visualización social da lingua”, mentres que en Cataluña, “estaríamos nun proceso de mercantilización ao ser nomeadamente a poboación inmigrante a que incorpora o catalán ao seu repertorio lingüístico”.

Estándar vs. tradicional

Outra das incógnitas que se abren arredor do neofalantismo é o tipo de lingua que adoptan os novos falantes das linguas minoradas en España, que algúns estudos sitúan en varios centos de miles. No caso do galego, aínda que a maioría das veces a variedade que aprende o suxeito neofalante é a estándar, Ramallo puntualiza que “polo minguante uso do galego entre a mocidade nas vilas grandes, e non tan grandes, cada vez hai máis neofalantes en contornas de fala tradicional”. Tamén existe un número relevante de neofalantes que optan por situarse no reintegracionismo. 

Así e todo, escollan unha ou outra variante, os investigadores consideran que os neofalantes poden modificar a versión actual das linguas. Apunta o profesor da Universidade de Vigo que hai evidencias de que comeza a superarse a condición de que o único falante lexítimo é o falante tradicional. Neste sentido, Ramallo explica que o traballo realizado con neofalantes lles permite “concluír que precisamos novos marcos epistemolóxicos para entender a realidade sociolingüística actual” e niso seguen a traballar dende o proxecto.