DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores reuníronse con representantes da Xunta e da Universidade

Nove estudantes participan no campus no programa de correspondentes universitarios

A súa función é difundir información entre o alumnado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/02/2020

A Facultade de Ciencias da Educación acolleu este mércores un encontro do alumnado universitario que no campus de Ourense participa no programa Correspondentes Universitarios con representantes tanto da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado como da Universidade de Vigo. Nesta iniciativa, implantada nas tres universidades galegas, participan este curso académico 72 estudantes, 19 deles na Universidade de Vigo. No campus de Ourense participan nove persoas que están estudando as titulacións de Traballo Social, Educación Social, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Ciencias Ambientais e Enxeñería Informática.

Estas e estes correspondentes encárganse de difundir entre as e os seus compañeiros de estudos información de interese, empregando tanto a transmisión directa como as redes sociais ou outros recursos como os taboleiros dos centros. En contrapartida pola súa actividade, teñen unha serie de beneficios como recibir gratuitamente formación en materia de xuventude ou os carnés xove, o internacional de estudantes e o de alberguista durante o curso no que estean inscritos no programa. Tamén se lles recoñece o tempo dedicado como persoas voluntarias, a experiencia e as competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Laura Movilla, directora de Internacionalización da Universidade de Vigo, que acudiu en nome da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación; Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, salientaron na reunión o interese desta iniciativa para as entidades implicadas e para o alumnado participante.