DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación contén seis artigos sobre lingua, literatura, sociolingüística…

Novo número de Cumieira, os cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega

Todos os traballos están asinados por alumnado ou persoas egresadas pola UVigo

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Académica
D. Besadío DUVI 14/11/2019

Seis investigacións sobre lingua ou literatura galega realizadas por mozas e mozos investigadores formados nas aulas da Universidade de Vigo. Este xoves presentouse na Facultade de Filoloxía e Tradución o número 4 de Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, un proxecto do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo que naceu co fin de dar a coñecer traballos académicos das e dos investigadores máis novos do ámbito da Filoloxía Galega.

“Este volume 4 vén consolidar a publicación e xa estamos a preparar o vol. 5, que sería o primeiro lustro da publicación. Ata o de agora levamos publicados 24 traballos de temática moi variada, tanto referidos á lingua como á literatura”, explicou na presentación o profesor Xosé A. Fernández Salgado, editor da revista, que estivo acompañado polo director do departamento, Alexandre Rodríguez Guerra, e varias autoras e autores dos artigos: Lorena Puga, Manuel Vilaboa e Sonia Sobral.

Visións novas sobre fenómenos poucos estudados ou sen estudar

Neste novo volume recóllense seis artigos. No capítulo inicial, Javier Benavides, graduado en Educación Primaria, reflexiona sobre o ensino da lingua galega na Educación Primaria, sobre a natureza das linguas e a relación que establecen cos falantes, sobre os prexuízos cara ao galego e das relacións entre o idioma estándar e as variedades dialectais. Segue o estudo de Lorena Puga, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, no que confirma a existencia de teísmo (non facer distinción no sistema pronominal da segunda persoa entre te e che) en tres parroquias do concello de Tui, ademais de informar sobre a conciencia e percepción que del teñen os propios entrevistados. 

Pola súa banda, a partir de enquisas a falantes de Pazos de Borbén, Manuel Vilaboa, alumno do Mestrado en Educación Secundaria –na especialidade de Linguas e literaturas oficiais-, describe a paisaxe dialectal deste concello no relativo á alternancia e nivelación na pronuncia que se dá no elemento velar dos grupos consonánticos /ng/ e /nk/ en casos como chancleta / changleta. Vén a continuación o traballo de Brais Rodríguez, alumno do Mestrado en Dificultades Específicas da Aprendizaxe e Procesos Cognitivos, quen indaga sobre os prexuízos do alumnado de 6º de Educación Primaria dun colexio do centro da cidade de Ourense despois de oír o mesmo texto en galego cunha pronuncia estándar e outra con marcas dialectais evidentes. Doutra banda, as relacións entre linguaxe e fotografía, en tanto que sistemas de comunicación que re-presentan o mundo, é sobre o que reflexiona Raquel Vázquez, alumna do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, a partir da análise do arquetipo de muller galega que translocen tres fotografías cunha figura feminina de tres épocas distintas dos fotógrafos Xosé Suárez, Virxilio Viéitez e Cristina García Rodero.

Finalmente, no último traballo do volume, Sonia Sobral, licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e quen na actualidade traballa como profesora de Ensino Secundario, realiza un estudo de gramática contrastiva de pronomes e tipoloxía oracional entre galego e romanés a partir da tradución a este idioma dun texto de Álvaro Cunqueiro.

Talento que sae da FFT e de Ciencias da Educación

“Todos os traballos están asinados por alumnado que foi ou é da Universidade de Vigo: algúns da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo; outros da de Ciencias da Educación do campus de Ourense”, explica o editor da revista, que fai tamén fincapé en que algún dos fenómenos que se describen, como o caso do teísmo en Tui ou a alternancia da pronuncia de –NG- -NK- nos falantes de Pazos de Borbén “que son fenómenos que estaban sen estudar ou pouco estudados”. Tamén hai casos como o de Raquel Vázquez, que “sen ser un estudo filolóxico, resulta interesante porque aborda aspectos do discurso fotográfico en Galicia, explorando, en clave de xénero, as relacións entre fotografía e linguaxe”, recalca Fernández Salgado.