DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 persoas participan no campus nun curso de iniciación á lingua de signos

Un obradoiro no que aprender a “comunicarse coas mans”

A actividade busca tamén achegar aos participantes á realidade da comunidade xorda

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/11/2019

Estudantes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación e profesionais de diferentes ámbitos inícianse nestes meses no campus na lingua de signos, no marco de Comunícate coas mans, un obradoiro inserido no programa de actividades de Extensión Universitaria promovido pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. Coas súas 20 prazas cubertas, o taller que coordina a profesora Ana Fernández Soneira ten como obxectivo proporcionar ao alumnado uns coñecementos básicos sobre a lingua de signos española, pero tamén achegalos ao contexto social, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas.

“O primeiro obxectivo é que perdan o medo ao xordo”, salienta Fernández respecto do punto de partida do obradoiro que desde finais de setembro se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que busca precisamente que as e os participantes adquiran “uns coñecementos básicos sobre as interaccións máis habituais”. Profesora do Departamento de Lingua Española e integrante do grupo de investigación en lingua española e linguas signadas Griles, Fernández Soneira imparte este taller de 30 horas xunto ao intérprete en formador en lingua de signos David Fernández e ao formador e tamén integrante do grupo Griles Manuel Lema, unha persoa xorda que se atopa actualmente cursando o grao en Belas Artes.

Do contexto xeral á práctica, pasando polas inquedanzas do alumnado

A maioría das sesións dun obradoiro que finalizará neste mes de novembro, son, como apunta a súa coordinadora, “clases prácticas”, dirixidas a que as e os participantes practiquen e poidan comezar a comunicarse en lingua de signos. David Fernández e Manuel Lema son os responsables de impartir os bloques dirixidos a que as e os participantes se inicien no uso do alfabeto dactilolóxico, aprendan a presentarse, a facer preguntas, a expresar opinións ou a dar datos da súa contorna. “A idea é que leven un coñecemento básico e ensinarlles tamén onde buscar o vocabulario que queiran coñecer”, explica Fernández Soneira dun taller, no que, recoñece “intentamos falar o menos posible”, valéndose de apoios como imaxes para que a comunicación sexa fundamentalmente a través da lingua de signos.

Non obstante, o curso engloba tamén outra serie de contidos dirixidos a achegar ás e aos participantes á realidade das persoas xordas. “Explicámoslle un pouco o funcionamento lingüístico das linguas de signos e buscamos tamén que coñezan que unha lingua desenvólvese dentro dunha comunidade e cunha cultura que a acompaña”, salienta Fernández Soneira. Nese senso, búscase tamén de rachar coas posibles “ideas preconcibidas” que as e os asistentes poidan ter respecto da comunidade xorda, á vez que dar resposta ás súas propias inquedanzas. “Este ano, por exemplo, tiñan moito interese polas manifestacións artísticas”, apunta Fernández sobre o alumnado dun taller que, nese senso, abordou como existen “moitos concertos con intérpretes ou compañías de teatro que fan representacións en lingua de sinais”. Do mesmo xeito, entre os asistentes figuraban tamén tanto estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte como profesorado en activo, aos que o taller buscou achegar vocabulario específico, amosarlles “onde atopar recursos para traballar co alumnado” ou afondar en como é o traballo educativo cun neno ou nena xordo.

O obxectivo, consolidarse

O pasado curso, o campus pontevedrés acolleu a primeira edición de Comunícate coas mans, un taller que posteriormente impartiu tamén no campus de Vigo e que se viu continuado no segundo cuadrimestre por unha segunda parte dirixida a profundar no manexo da lingua de signos. “A verdade é que estamos moi contentos de que haxa este interese por unha lingua apaixonante”, recoñece Fernández, que pon o acento no positivo de que este taller reúna “a xente de diferentes ámbitos”. Nese senso, a coordinadora do taller sinala que a súa vontade é intentar que este taller se consolide como unha iniciativa anual, na que o curso de iniciación, “se a xente está interesada en profundar un pouco máis”, se vexa continuado no segundo cuadrimestre por un obradoiro dun segundo nivel.