A institución alemá financia a estadía dun estudante de Ciencias Empresariais e Turismo
Un oco para Ourense na escola internacional de verán da Universidade de Bremerhaven
É a terceira edición desta iniciativa de colaboración
Por terceiro ano consecutivo a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense convoca a Bolsa Bremerhaven International Summer School 2019, que financiará a asistencia dun alumno ou alumna do centro á escola internacional de verán da Universidade de Bremerhaven. A iniciativa forma parte da intensa colaboración existente entre a institución académica alemá e a facultade ourensá.
A bolsa está destinada a sufragar custos de participación no Bremerhaven Intemational Summer School 2019 dunha ou dun estudante matriculado nos graos de Turismo ou Administración e Dirección de Empresas do campus de Ourense, sendo o importe total da bolsa de 1950 euros. A súa concesión, feita por unha comisión avaliadora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ten en conta das e dos candidatos o expediente académico, o coñecemento de inglés, a entrevista persoal e a asistencia á Intemational Week que organiza anualmente esta facultade.
Cada ano, indican desde Ciencias Empresariais e Turismo, son máis os alumnos e alumnas deste centro que se presentan a esta convocatoria co obxectivo de vivir unha experiencia académica internacional que enriqueza o seu currículo e a súa formación, ademais de practicar inglés. A escola de verán celebrarase do 1 ao 15 de agosto en Bremerhaven e segundo explican desde a súa organización permitirá á persoa elixida ampliar os seus coñecementos e experiencias “na comunidade internacional” que se vive nesa escola, que conta coa participación de alumnado e profesionais de moi diversas nacionalidades.
Da International Week ao dobre grao
Esta iniciativa dá continuidade á colaboración que existe entre as dúas institución académicas. Esta colaboración materialízase na oferta dun grao internacional en Administración e Dirección de Empresas pola University of Applied Sciences Bremerhaven e pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, que permite a estudantes do centro ourensán realizar o último curso na Hochschule Bremerhaven e a estudantes alemáns facelo mesmo nas aulas ourensás. Outra das accións de colaboración é a celebración cada ano en Ourense da International Week, cita na que alumnado e profesorado da facultade do campus comparte unha semana de actividades formativas e lúdicas con profesorado procedente de diversas universidades europeas e suramericanas e alumnado da Universidade de Bremerhaven. Esta semana é logo repetida na propia institución académica alemá.
Precisamente é no peche da celebración da International Week en Ourense onde cada curso académico Gerhard Feldmeier, vicerreitor da Universidade de Bremerhaven, anuncia a intención da súa institución académica de volver a convidar a unha ou un estudante da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense a participar no Bremerhaven Intemational Summer School.