DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) bota a andar no edificio Filomena Dato 

Unha oficina para fomentar a participación da comunidade universitaria no desenvolvemento de proxectos internacionais innovadores 

Na procura dun mellor posicionamento internacional da Universidade 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 22/10/2019

A necesidade de centralizar e homoxeneizar os procesos de solicitude, xestión e xustificación dos proxectos internacionais, derivada da gran variabilidade que se produce nas convocatorias de proxectos internacionais, está na orixe da creación da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo. Calquera investigadora ou investigador da institución académica viguesa pode solicitar os servizos da oficina, “que ten como obxectivo fomentar a participación da comunidade académica e dos grupos de investigación en programas internacionais, especialmente Horizonte 2020 e o vindeiro Horizon Europe, e tamén Erasmus+, para unha cooperación educativa e institucional na esfera internacional.  Por iso a oficina une as dúas liñas: a de proxectos internacionais de investigación e a de proxectos internacionais educativos ”, explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, no acto de presentación da OPI á comunidade universitaria, celebrado esta maña. A vicerreitora destacou que a diminución nos fondos dos programas autonómicos e nacionais e o previsible aumento na variedade e complexidade dos programas europeos, motivaron a creación desta oficina que permitirá ao persoal investigador “só ocuparse da parte máis científica dos proxectos e que sexamos quen de xustificar todo ben e en tempo para non ter que devolver cartos”, dixo Rubio. 

Coa posta en servizo da Oficina de Proxectos Internacionais, a Universidade de Vigo súmase a outras institucións académicas que nos últimos anos solicitaron financiamento europeo para este fin, destinando un número importante de recursos humanos a esta tarefa e creando estruturas especializadas. “Trátase dunha iniciativa que levamos moito tempo madurando e da que esperamos moito, porque pensamos que hai que facilitar que os nosos investigadores accedan a fondos europeos e tamén facer máis doada a vida deses investigadores e intentar que todas as  xustificacións dos proxectos se acheguen en prazo e non teñamos que devolver cartos” sinalou o reitor, Manuel Reigosa. Pola súa banda, no acto de presentación, celebrado hoxe, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval animou á comunidade universitaria a participar nas convocatorias de cooperación educativa, nas que lembrou “as e os investigadores da Universidade de Vigo xa están a acadar unha taxa de éxito importante”.

Un proxecto ilusionante para mellorar o posicionamento internacional 

A Oficina de Proxectos Internacionais terá como director científico ao docente e investigador do Grupo de Química Coloidal, Jorge Pérez Juste, que considera este “un proxecto ilusionante”, ao que se referiu como unha necesidade “pola gran variabilidade das convocatorias internacionais”. O director científico da oficina detalla que as investigadoras e investigadores da Universidade atoparán na OPI “asesoramento e formación sobre deseño, presentación e xestión dos proxectos e todo co fin de fomentar e promover un maior posicionamento internacional da Universidade de Vigo”, sinala Pérez Juste, que compatibilizará a dirección científica da OPI coa dirección do Cacti.

Tras lembrar os éxitos acadados nos últimos anos polo persoal investigador da Universidade en convocatorias europeas como H2020 e Interreg, Belén Rubio, animou ás e aos investigadores a solicitar os servizos da OPI en cuestións como información sobre as convocatorias de proxectos internacionais; análises das ideas de proxectos; apoio no proceso de solicitude; colaboración no deseño das propostas; asesoría n elaboración do orzamento; apoio á xestión orzamentaria ou apoio á explotación de resultados.