DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de andainas péchase cun balance positivo da organización

Once rutas, 730 participantes, unha celebración e moitas imaxes para o recordo

Entre os fitos deste curso estivo a conmemoración do 20 aniversario desta iniciativa

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 08/05/2019

A programación de rutas culturais 2018/2019 da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo pechouse esta fin de semana e á hora de balance deste curso académico desde a organización salientan datos como as e os 730 participantes nas once andainas celebradas e momentos como a conmemoración de dúas décadas de roteiros universitarios. “Cumprir este curso 20 anos foi un auténtico luxo. Que sexa por moitos anos máis”, apunta José García-Calvo, Willy, coordinador destas andainas desde o campus de Ourense.

Seguindo a media de anos anteriores, en total este curso académico celebráronse dez rutas culturais dun día e unha fin de semana de sendeirismo. Catro dos percorridos tiveron lugar na provincia de Ourense, tres na de Pontevedra, un en Lugo e un na Coruña, celebrándose ademais dúas andainas por terras lusas. A media de participantes por roteiro, explica José García-Calvo, estivo en 70 persoas, un 40% membros da comunidade universitaria e un 60% persoas alleas a ela, sendo máis alta a porcentaxe de participación de membros da comunidade universitaria entre as e os participantes procedentes dos campus de Vigo e Pontevedra. A participación por xéneros estivo moi igualada, aínda que foi levemente superior no caso das mulleres. Das 730 participacións contabilizadas desde a organización sinalan que arredor dun 30% son persoas que repiten en varias andainas, habendo un grupo fidelizado que realiza cada curso varios dos percorridos.

Do río Paiva á Costa da Morte

Sobre os roteiros realizados, José García Calvo indica que os que acadaron maior resposta de público foron en primeiro lugar o percorrido polas pasarelas do río Paiva, en Portugal, no que participaron 160 persoas, e en segundo lugar o traxecto feito do Camiño dos Faros, entre Laxe e Arou, con 85 persoas. Pondo o aceno en como cada percorrido tivo o seu interesante, entre as once rutas culturais realizadas desde a súa organización sinalan o atractivo que tivo por unha banda o percorrido realizado pola Ribeira Sacra, xusto antes da súa proclamación como candidata a Patrimonio da Humanidade, e a andaina por Castro Leboreiro, en Portugal, “pola súa autenticidade”.

Ao longo dos meses, desde outubro de 2018 ata maio de 2019, as e os amantes das andainas puideron coa súa participación nesta programación achegarse ademais de ao río Paiva e á Costa da Morte a lugares como Baños de Molgas, Meis, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Baixo Miño ou Fornelos. Como peche ás rutas culturais 2018/2019, os días 4 e 5 de maio celebrouse unha fin de semana de sendeirismo e natureza que nesta ocasión foi na Reserva da Biosfera de Allariz, en Ourense. “Tivemos a sorte como os anos anteriores de que non tivemos ningunha incidencia nas andainas, nin unha soa mancadura, e de que a climatoloxía sempre nos respectou, non tendo que anular ningunha ruta”, comenta José García Calvo, que salienta o traballo feito por Xeitura no desenvolvemento dos roteiros.

Na programación deste curso académico, á hora de facer balance desde a organización fan unha especial lembranza ás actividades organizadas co gallo dos 20 anos da posta en marcha das rutas culturais da Universidade de Vigo, tanto na homenaxe feita ás persoas e entidades que colaboraron e colaboran con elas como na reprodución da primeira andaina realizada. “A Universidade entendeu desde o principio que as rutas son unha actividade que debía potenciar e así o fixo desde a súa posta en marcha en 1999 ata o de agora e iso é para celebrar”, comenta José García Calvo.

Rematada a programación de 2018/2019, desde a organización dos roteiros xa están pensando na selección de andainas para o vindeiro curso académico, apostando unha vez máis por incluír propostas novas que leven ás e aos participantes a coñecer outros recunchos da xeografía galega e da súa contorna. Nun momento no que as rutas están en auxe, o responsable das andainas universitarias sinala que se continuará apostando por “manter o espírito das rutas, do sendeirismo para gozar dun xeito auténtico da natureza e do noso patrimonio”.