DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade universitaria ten acceso gratuíto a actividades e instalacións deportivas ata o día 31

Unha oportunidade para converter en realidade a promesa de facer exercicio este ano

O abono Muver conta no campus con 577 usuarias e usuarios

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 24/01/2020

Entre as promesas habituais ao remate de cada ano son moitas as persoas que inclúen facer actividade física. Co obxectivo de axudar a que esa promesa se converta en realidade, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece este mes no campus de Ourense, ao igual que nos demais campus da Universidade de Vigo, acceso de balde ás súas actividades e instalacións aos membros da comunidade universitaria. Ata o 31 de xaneiro as persoas interesadas poden achegarse ao pavillón universitario para coñecer e probar a súa oferta deportiva.  

Con esta acción, a área organizadora quere dar a coñecer as diferentes actividades e servizos que se ofertan aos usuarios e usuarias do abono Muver. “Unha das funcións que ten esta campaña de portas abertas é que veña xente que nunca veu antes, que coñeza as nosas actividades e que valore a posibilidade de repetir”, comenta Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Con esta iniciativa, indica, as persoas interesadas poderán coñecer concretamente a sala de musculación e a sala multiusos do pavillón de deportes e as numerosas actividades que se fan nesas salas, que van desde bicicleta estática a zumba. “Para participar non fai falla inscribirse, é suficiente con achegarse ao pavillón e alí xa lle informamos de como facer”, indica Rodrigo Alberte.

Alén desta campaña, a programación de instalacións deportivas, actividades dirixidas, escolas deportivas, competicións federadas, rutas culturais, eventos deportivos, etc que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, lembra o seu responsable, “xa está en marcha, continuando o traballo feito no primeiro cuadrimestre”. Na actualidade, o abono Muver conta no campus de Ourense con 577 usuarios e usuarias, estando xa aberto o prazo para a adquisición do abono para este segundo cuadrimestre, cun prezo de 35 euros para a comunidade universitaria, de 50 para titulados e persoal das entidades privadas do campus e de 100 para persoas alleas á institución académica.