DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A III Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal celebrouse este martes

Orienta Iuris amosa ao alumnado de Dereito as súas potencias saídas profesionais

Contou coa participación de 22 postos de empresas e institucións

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/11/2019

O alumnado da Facultade de Dereito do campus de Ourense tivo este martes unha cita co seu futuro profesional. Foi na celebración da III Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal Orienta Iuris. Na entrada do centro, os estudantes que ata alí se achegaron puideron visitar os 22 postos de entidades públicas e empresas privadas instalados co obxectivo de ofrecerlles orientación laboral.

“Presentámosvos moi orgullosos aos despachos, ás consultoras, ás administracións públicas aquí presentes xa que estamos seguros de que seredes profesionais ben formados que ademais tendes motivación para aprender e continuar formándovos”, díxolle ao alumnado presente na feira Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito. Ela foi a encargada de dar a benvida aos participantes nun acto que contou tamén coa asistencia de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, e Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense, entre outras autoridades.

Orientación

Orienta Iuris, explicou a decana de Dereito, “é unha iniciativa que naceu no ano 2016 co obxectivo de proporcionar aos nosos estudantes e titulados orientación en tres importantes ámbitos para favorecer a súa empregabilidade”. Así, detallou, eses ámbitos son orientación para coñecer as saídas profesionais que hai no eido do dereito, para coñecer os procesos de selección das administracións públicas, despachos, consultoras e empresas e para coñecer as competencias e habilidades complementarias que demanda o mercado laboral no ámbito xurídico. “Esperamos que coa visita a esta feira teñades máis claro cal vai a ser o voso futuro profesional”, díxolle Marta Fernández ao alumnado presente.

A iniciativa, recalcou a decana, amosa como “a Facultade de Dereito ten unha implicación importante coas esixencias da sociedade, unha sociedade que confiou en nós a formación dos estudantes pero que lles demanda a eles, unha vez formados, non só ter unha formación xurídica sólida e de calidade senón tamén unhas competencias e habilidades complementarias”. Neste contexto, salientou Marta Fernández, Orienta Iuris “pretende precisamente concienciar aos estudantes da importancia desas competencias e habilidades para que aproveiten os seus anos na universidade e que así, no momento de rematar os seus estudos, poidan converterse en profesionais de éxito e optar a empregos cualificados e de calidade”.

Alumnado de onte e hoxe

Na feira o numeroso alumnado participante tivo a oportunidade de achegarse aos postos de empresas e institucións, en moitos casos atendidos por egresadas e egresados da propia Facultade de Dereito de Ourense, para coñecer os seus programas de formación, prácticas ou promoción ou as características dos procesos de oposicións que ofertan, entre outros aspectos. Neste senso, Marta Fernández recalcou o seu agradecemento aos titulados e tituladas que estiveron atendendo os postos, pois, indicou, son “un espello no que poden verse reflexados os nosos alumnos, un modelo a seguir para eles”. Tamén tivo palabras de agradecemento a decana para o profesorado do centro, para a comisión que participou na organización da feira e para o propio alumnado xa que “a iniciativa fíxose por e para eles pero sen a súa implicación e resposta non tería sentido”.

Entre os estudantes que este martes se achegaron a Orienta Iuris estiveron Adrián González e Jennifer Santomé, alumnos de terceiro curso do Grao en Dereito. “Viñemos á feira porque non temos unha idea clara sobre o que queremos facer no noso futuro. Vimos a informarnos sobre as saídas profesionais, como presentarnos ás oposicións, a ver que nos aconsellan”, comentou Adrián González. Co futuro profesional aínda por definir, Jennifer Santomé apuntaba ademais como “cousas coma esta feira son moi interesantes e queremos aproveitala”.

Para atender a estes e aos demais alumnos e alumnas participantes, estiveron nos postos persoas como Ariana Santos, titulada da Facultade de Dereito ourensá que aprobou a oposición a subinspectores de emprego e seguridade social no ano 2017. Ela explicou ás persoas interesadas como no seu caso tras titularse e facer o mestrado da avogacía, xa que “tiña dúbidas porque non se convocaban moitas oposicións e non sabía que facer”, aprobou esta oposición de grupo A2 tras un ano e 8 meses preparándoa. No seu caso quixo transmitirlle aos estudantes “a idea de que traballar para a administración é un traballo moi bo, está moi ben valorado e tes a oportunidade de coñecer moitísimos sitios, tanto xeograficamente como diferentes lugares de traballo, que te fan medrar como persoa”. Con “empeño e ganas”, afirmoulle ao alumnado presente, “é posible sacar unha oposición”.