DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centros da Universidade deseñan, coordinan e titorizan os traballos de investigación dos estudantes

Os institutos con Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía pode elixir entre oito proxectos da UVigo

Na actualidades hai 15 institutos de toda Galicia ofrecendo esta iniciativa pioneira para espertar v

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 11/06/2019

15 institutos de toda Galicia participan este curso como centros pioneiros na impartición do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach, que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado cara a ciencia e a tecnoloxía, apostando por unha metodoloxía baseada na investigación como principio esencial. Esta aposta da Xunta de Galicia implica a participación das universidades galegas, xa que ademais da carga lectiva (2 ou 3 horas semanais), o alumnado matriculado neste bacharelato ten que presentar un proxecto de investigación, baixo a coordinación de docentes de escolas e facultades. Este traballo, que terá que ser exposto en público e ante un tribunal no segundo ano do Bacharelato, debe estar co-dirixido por profesores de universidade ou centros de investigación, e tamén o tribunal debe incluír persoal científico. 

Para dar forma a esta cooperación entre o ensino secundario e o superior, como explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, as facultades e escolas das universidade galegas deseñan proxectos xenéricos que poñen a disposición dos institutos. “Estamos na primeira etapa do proceso para a etapa 2019-2021”, na que os centros de secundaria deben decidir a temática arredor da que van desenvolver o seu bacharelato STEM no próximo curso. As propostas dos centros da UVigo, que se acaban de presentar , son de moi diferente índole, o que lles permitirá aos estudantes de Secundaria coñecer por exemplo a calidade da auga, descubrir os segredos da química ou a bioloxía, ou achegarse á historia que conta o mesado de granito das cociñas ou á conservación da arte de rúa. Outras propostas céntranse na informática como ferramenta de experimentación na ciencia, a arte de voar, o mundo agroalimentario e ambiental, o estudo da contorna física a través do patrimonio cultural construído, as telecomunicacións, a innovación e a globalización no mundo da empresa, a investigación lingüística, a antiga Grecia,  ou as claves para imaxinar como serán os océanos no futuro ante o impacto dos cambios ambientais. Estas propostas permitiranlle ao estudantado do STEMbach desenvolver o seu proxecto e experimentar cos diferentes procedementos de investigación e os métodos científicos, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico e para desenvolver investigacións propias. 

En total, a esta nova convocatoria presentaron propostas a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e  as facultade de Ciencias, Historia e Ciencias da Educación no campus de Ourense e as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Telecomunicación, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e as facultades de Química, Bioloxía, Ciencias do Mar e Filoloxía e Tradución. 

Unha ponte entre o instituto e a Universidade

Na actualidade, seis centros da provincia da Coruña, tres de Lugo, un de Ourense e cinco de Pontevedra están embarcados nesta iniciativa experimental do STEMbach. A finalidade é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.

Para Caparrini, esta iniciativa pioneira da Xunta de Galicia “é moi positiva, xa que a súa finalidade e obxectivos coinciden plenamente cos da Universidade: promover vocacións, desenvolver competencias, xerar coñecemento e transmitilo e, en definitiva, ofrecer unha formación integral”. Neste sentido, considera o STEMbach como “unha oportunidade para que o alumnado coñeza de primeira man que, como e para que se fai na Universidade”. 

Este bacharelato está pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias e permite tamén unha conexión directa co ensino universitario. Comprende tres patas fundamentais, unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Así mesmo, o estudantado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo instituto en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos. A terceira das pezas clave deste bacharelato é o proxecto de investigación, que debe estar co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e será titorizado polos docentes que impartan a materia de afondamento STEM. Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

Na actualidade está aberta, ata o 27 deste mes, a convocatoria para que outros centros educativos soliciten STEMbach para implantalo no 2019-2020.