DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas preto de 100 fotos colocadas no exterior de Belas Artes e da Casa Consistorial

Os rostros das mulleres rurais presiden a cidade

Trátase da primeira iniciativa en Galicia do proxecto global ‘Inside Out’

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/03/2020

As paredes da Facultade de Belas Artes, as ventás da Casa Consistorial, a cristaleira de acceso á sede da Vicerreitoría e o chan da propia praza de España atópanse este xoves presididas polos retratos a gran tamaño de 104 mulleres do rural galego realizados por 25 alumnos e alumnas de Belas Artes. En colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, 7H Cooperativa Cultural desenvolve nesta xornada en Pontevedra a instalación artística efémera Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas, a primeira iniciativa inserida no proxecto de arte urbana máis grande do mundo que se desenvolve en Galicia.

Esta instalación efémera, que finalizará ás 18.00 horas, foi presentada este mediodía pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro, a integrante da cooperativa 7H Carla Rodríguez e por Alegría Campos, unha das estudantes de Belas Artes que realizou esta serie de retratos que presentan a mulleres de distintas idades, procedencias e ocupacións. “Partimos dun proxecto internacional, que comezou o fotógrafo e artista urbano JR coa idea de responder á pregunta de ser a arte pode cambiar o mundo”, salientou Rodríguez, coordinadora dunha iniciativa inserida no proxecto Inside Out, que desde 2011 diferentes colectivos levaron a cabo en máis de 1800 localizacións en máis dun cento de países. Neste caso, Mulleres [Rur]Urbanas ten como obxectivo “homenaxear ás mulleres do rural” e a súa contribución ao desenvolvemento colectivo “desde ese anonimato falsamente construído”, apuntou Rodríguez, que lembrou tamén que o proxecto “foi posible grazas á implicación” de 35 estudantes de Belas Artes, dos que 25 son os autores e autoras das fotografías que nesta xornada ocupan o espazo público da cidade.