DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase os días 5 e 6 de novembro

Ourense será a sede do XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial

Está promovido polas universidades da raia española e portuguesa

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 08/01/2020

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense é a sede escollida para a celebración do XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial. A cita, que terá lugar os días 5 e 6  de novembro, está considerada como punto de encontro anual das e dos investigadores no eido da economía empresarial das universidades da raia española e portuguesa, entre elas a Universidade de Vigo.

Implicación de oito universidades

Segundo explica José Antonio Fraiz, coordinador do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde e profesor titular da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, a elección deste centro como sede tivo lugar na celebración a finais de novembro de 2019 do último Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial. Foi na clausura da cita, celebrada na Universidade de Évora, en Portugal. “É unha moi boa noticia para a Universidade de Vigo e especialmente para o campus de Ourense”, comenta José Antonio Fraiz, encargado na edición de Évora de recoller o testemuño da organización do evento.

O Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial é unha iniciativa do Círculo Ibérico de Economía Empresarial (Cibecem), que integra os departamentos da área das ciencias económicas e empresariais das universidades da raia portuguesa e española. Concretamente participan en Cibecem as universidades lusas de Évora, Algarve, Trás-os-Montes e Alto Douro e Beira Interior e as universidades españolas de Estremadura, Huelva, Salamanca e Vigo. O obxectivo desta rede é o desenvolvemento de estudos de investigación, básica e aplicada, así como a realización de xornadas científicas e técnicas no campo da economía da empresa, con particular incidencia en áreas de significativa importancia para o desenvolvemento das rexións fronteirizas implicadas, desde o intercambio comercial ata o turismo. Segundo indica José Antonio Fraiz, será a segunda vez que este seminario teña lugar en Ourense, xa que a súa organización rota entre as universidades participantes en Cibecem alternando institucións lusas e españolas. “O seminario ten un interese académico e científico para nós pero tamén un interese para a cidade en canto está dentro do turismo de reunión de congresos”, comenta o profesor.

Aberto á participación

Seguindo a dinámica de anteriores edicións, a iniciativa, ademais de ser punto de encontro para as e os profesionais do eido académico que forman parte da rede, estará aberta a todo o persoal investigador do eido da economía da empresa interesado en asistir e/ou presentar os seus traballos nas diferentes vías de participación que se habilitarán. Igualmente, indican desde a organización, convídase aos novos investigadores e investigadoras a presentar os seus proxectos de investigación (de teses de doutoramento ou mestrado, por exemplo). Tendo en conta a media de participación en anteriores edicións, desde a organización do seminario agardan que o evento reúna a arredor dun centenar de persoas.