DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonio Ferriz e Fermín Navarro explicaron as súas contribucións

A participación de profesorado do campus no satélite Solar Orbiter centrou unha nova edición do Foro Aero

A sonda foi lanzada en febreiro de 2010 pola Axencia Espacial Europea

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 11/03/2020

A participación de profesorado da Universidade de Vigo no satélite de observación Solar Orbiter centrou este martes pola tarde unha nova edición do Foro Aero, o ciclo de conferencias divulgativas que organiza a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. A cita contou coa intervención dos profesores Antonio Ferriz, do Departamento de Física Aplicada, e de Fermín Navarro, da Área de Enxeñaría Aeroespacial. Solar Orbiter (SolO) é un satélite científico de observación solar desenvolvido pola Axencia Espacial Europea (ESA) coa colaboración da Nasa e lanzado en febreiro de 2020 co obxectivo, segundo a ESA, de observar “rexións ata agora descoñecidas do sol, incluídos o seus polos”, e botar luz sobre algúns dos aspectos menos coñecidos da actividade desta estrela, como a formación do vento solar ou a orixe do seu campo magnético.

Antonio Ferriz explicou durante a súa intervención como desde o ano 2008 forma parte do grupo de investigación Física Solar do Instituto de Astrofísica de Andalucía, en Granada. Este grupo, indicou, “dedícase fundamentalmente ao estudo dos campos magnéticos solares desde tres puntos de vista: o teórico, o observacional e o instrumental”. En relación coa parte instrumental, detallou, o grupo de Física Solar ocupouse no proxecto Solar Orbiter do deseño, desenvolvemento e construción do instrumento SO-PHI (Polarimetric and Heliosismic Imager for Solar Orbiter). “SO-PHI é o instrumento máis grande e importante dos dez que forman parte dos experimentos da misión espacial Solar Orbiter. SO-PHI ten como cometido a medida do campo magnético solar e das velocidades do plasma na fotosfera solar”, sinalou o profesor da Universidade de Vigo. No desenvolvemento deste instrumento, engadiu Ferriz, tamén estiveron involucrados o Instituto Max-Planck de Investigación do Sistema Solar (Göttingen) e o Instituto de Física Solar de Friburgo, ambos en Alemaña.

Pola súa banda, Fermín Navarro, profesor tamén da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, explicou como desde 2007 ata 2013, mentres traballaba no Instituto de Microgravedad Ignacio da Riva da Universidad Politécnica de Madrid, participou “no deseño do control térmico de varios instrumentos que se atopan a bordo de Solar Orbiter, agrupados co nome de Energetic Particle Detector, durante distintas fases da misión”. “Entre eles, no que tiven máis dedicación foi no de Electron Proton Telescope-High Energy Telescope, facendo ademais do deseño do control térmico do instrumento, a validación do modelo térmico cos resultados dos ensaios en cámara de baleiro-térmica”, explicou o profesor.