DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Alberto Ruiz de Samaniego reflexiona nun libro sobre a obra deste escritor francés

Un percorrido pola cidade núa seguindo as pegadas de Georges Perec

O texto analiza a novela e o filme homónimos ‘Un home que durme’

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/07/2019

No ano 1967, o escritor francés Georges Perec (1936-1982) publicaba a súa segunda novela, Un home que durme (Un homme qui dort), que el mesmo levaría ao cine en 1974 xunto co director Bernard Queysanne. A análise destas dúas obras e o seu “encaixe dentro do contexto biográfico e intelectual do autor e do seu tempo” constitúen o punto de partida de La ciudad desnuda. Variaciones en torno a Un hombre que duerme de Georges Perec (Abada Editores), libro no que o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego aborda as distintas temáticas, intereses e influencias que percorren esta obra literaria e cinematográfica “dun dos escritores máis recoñecidos do século XX”. 

Un home que durme, lembra Ruiz de Samaniego, narra a historia “dun individuo que, a piques de rematar a carreira, rompe con todo, non establece ningún contacto con ninguén, non exercita actividade premeditada algunha e se converte nun auténtico solitario no medio de París”. Trátase, engade, dunha novela que “responde tamén en certa maneira a unha situación de crise persoal de Perec” e que á vez é tamén “unha novela xeracional, no sentido de que quere contar o estado dunha certa xuventude francesa universitaria”. A partires desta obra e a súa posterior adaptación ao cinema, este profesor de Estética e Teoría das Artes propón no seu libro unha serie de “variacións que van dunha maneira un tanto circular tocando unha vez tras outra os mesmos temas, que xorden a medida que se visualizan os dous textos”.

Dous textos separados polo maio do 68

Esta serie de variacións parten da análise de “dous textos que son o mesmo, pero que non son idénticos”, a novela e a película, o que permite “ver en que medida un texto e outro din cousas distintas contando a mesma historia”. Nese senso, ás diferencias que implica a propia adaptación súmase o feito “de que no medio de ambos está o maio do 68”, de tal xeito que se na novela detállase a “crise biográfica ou existencial dun suxeito”, o filme aborda “unha crise urbana, sociolóxica”, explica Ruiz de Samaniego. Tamén mudan neste período os “intereses estéticos” do autor, ao igual que se fan presentes na película as “cuestións políticas que afloran en 1968”, facendo destas dúas obras, salienta este docente e escritor, “un material perfecto para analizar unha época que pon os cimentos da posmodernidade”. 

Un percorrido por preocupacións comúns

Ruiz de Samaniego foi en 2011, na Fundación Luis Seoane da Coruña, o comisario de Pere(t)c: tentativa de inventario, a primeira exposición que se lle dedicou en España a este autor e que deu pé a unha publicación que reunía diferentes ensaios sobre a súa obra e a súas relacións coas artes visuais. “Perec interesoume especialmente porque a súa figura e escritos trazan un territorio de preocupacións moi parecido ao meu”, recoñece o docente, que, nese senso, afonda no libro en cuestións “como a construción da realidade a través da linguaxe” ou o “acto de camiñar” pola cidade. De igual xeito, novela e filme permiten reflexionar sobre “a forma na que se organiza a vida cotiá nas grandes metrópoles, cunha regulación dos espazos e do tempo moi intensa” e sobre como esta foi abordada por un autor que “ispe a cidade da súa mascarada social para que vexamos un pouco como funciona”.

Ruiz de Samaniego pon tamén en relación a obra de Perec coa de escritores como Herman Melville, Franz Kafka, Fernando Pessoa ou Gustave Flauvert, estes últimos, autores que “que xa teñen como obxectivo realizar unha novela sobre nada, unha novela sen argumento, que é un pouco tamén o que é Un home que durme”. Igualmente, o libro achéganse tamén aos intereses cinematográficos de Perec, á vez que observa que pode haber de “autobiografía encriptada” nas obras dun autor “obsesionado” coas memoria e o esquecemento despois de que, sendo un neno, súa nai fose asasinada nos campo de exterminio nazi de Auschwitz e seu pai morrese, como combatente do exército francés, na Segunda Guerra Mundial.