DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Leonardo Feichas ofreceu no campus un recital centrado na obra de Flausino Valle

Un percorrido sonoro e didáctico polo legado do ‘Paganini brasileiro’

Combinou a interpretación coa presentación da súa investigación sobre este compositor

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/02/2020

Considerado o “Paganini brasileiro” dous dos preludios do compositor Flausino Valle (1894-1954) foron gravados e interpretados por numerosos violinistas de todo o mundo. Mais, ao mesmo tempo, boa parte da súa obra “continúa sendo descoñecida”, como salienta o concertista e profesor de violín na Universidade Federal do Acre Leonardo Feichas, que este xoves ofreceu na Escola de Enxeñaría Forestal un concerto didáctico centrado na obra deste compositor. Promovido polo profesor de Pedagoxía Musical da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato, xunto coa Vicerreitoría do campus, nesta actuación combinouse a interpretación de 15 dos 26 preludios de Valle coa presentación dalgúns dos resultados da investigación que, no marco de doutoramento en Artes Musicais da Universidade Nova de Lisboa, Feichas centra neste compositor. 

“O caso de Flausino Valle é curioso, porque é máis coñecido en Europa que no Brasil”, explicou Feichas que lembrou que, a comezos do pasado século, o reputado violinista lituano Jascha Heifetz entrou en contacto con Valle no Brasil, para posteriormente gravar dous dos seus preludios nos Estados Unidos. “A partir disto, todos os grandes violinistas europeos gravan eses dous preludios, mais os outros continúan sendo descoñecidos, non transcenden”, apunta Feichas, que iniciou hai preto de 15 anos a súa investigación sobre este compositor. Ao longo deste período, e tras entrar en contacto co fillo do compositor, a propia investigación foi de feito modificando a forma de interpretar os 26 preludios do ”Paganini brasileiro”. De feito, neste concerto didáctico Feichas acompañou a interpretación das pezas cunha explicación de cada unha delas e a proxección das partituras orixinais, xa que o seu propósito nesta actividade era amosar "os resultados preliminares" da súa investigación e das "moitas sutilezas atopadas” no seu estudo respecto como estas pezas eran executadas polo seu creador, “sutilezas que moitas veces a partitura non mostra”.

Da Sorbona a Pontevedra

“Este recital é moi especial para min porque vouno facer cun violín que foi do Flausino, que a familia cedeume en 2017”, recoñecía ao inicio deste concerto Feichas, que, tras moitos anos interpretando e estudando a obra de Valle, iniciaba nestes días a súa primeira serie de concertos con este violín. De feito, a pasada semana ofrecía este recital didáctico na Universidade da Sorbona e, tralo seu paso polo campus pontevedrés, nos próximos días fará o mesmo na Embaixada do Brasil en Roma e na Universidad de Granada.