DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 22 ao 26 de xullo en preto dunha ducia de balnearios de toda Galicia

A presenza dunha delegación colombiana internacionaliza o curso de verán sobre termalismo

Tamén haberá actividades na Ecimat e na Facultade de Medicina da USC

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 16/07/2019

Termalismo: Espazos termais, o máis veterano dos cursos de Extensión Universitaria, internacionalízase este verán. Esta actividade, que se levará a cabo entre o 22 e o 26 de xullo en preto dunha ducia de balnearios de toda Galicia, espertou interese ao outro lado do Atlántico e, como principal novidade desta edición, a décimo novena, “cóntase coa participación de 20 alumnos e alumnas procedentes de Colombia”, indica José Luis Legido, profesor da Universidade de Vigo e director do curso, quen recalca que esta delegación colombiana está composta por un grupo de empresarios do sector, profesionais e representantes de gobernos locais.

A relación entre a Universidade de Vigo e este grupo de profesionais colombianos iniciouse o ano pasado coa invitación  por parte da Cámara de Comercio do municipio de Manizales, no departamento de Caldas (Colombia), ao profesor Legido a participar como experto nun seminario sobre estas temáticas. “Logo, o gobernador de Caldas visitou os laboratorios do noso grupo de investigación de Física Aplicada (FA2)”, indica Legido, quen explica que foi nesta visita onde puido coñecer máis de preto os traballos que está a desenvolver o grupo sobre peloides termais.

O curso centrarase, un ano máis, en dar unha visión xenérica sobre os espazos termais que existen en Galicia, así como en explicar os diferentes procedementos existentes para o desenvolvemento de programas de tratamentos terapéuticos e de benestar. Por este programa formativo levan pasado xa máis de 600 alumnos e alumnas. “O número de participantes por curso varía lixeiramente cada ano, pero soen ser entre 30 e 35 persoas por curso. Este é o límite que establecemos dado que as prácticas nos balnearios fan necesario que os grupos sexan reducidos para poder traballar con comodidade”, subliña o director. 

Coa implicación de todo o sector termal galego

As terapias con augas procedentes de fontes termais son prácticas que datan da antigüidade e que teñen ido evolucionando á par que a humanidade. Os espazos que ofertan este tipo de remedios están cada vez máis espallados polo mundo e van gañando adeptos e adeptas. Neste sentido, Galicia conta cunha posición privilexiada pola gran presenza de augas termais e balnearios espallados por toda a súa xeografía, e tamén polo elevado nivel na investigación e difusión do traballo en termalismo, do que é exemplo o grupo de investigación dirixido por Legido.

No caso concreto deste curso de verán, un dos seus puntos fortes é a grande implicación do sector termal galego, implicación que se traduce, entre outros aspectos, na cesión de espazos para as clases de preto dunha ducia de balnearios da comunidade: Carballiño, Laias, Aguas Santas, Talaso Atlántico, Mondariz, Arnoia e Compostela. A maiores, o curso tamén desenvolverá parte das súas clases na Facultade de Ciencias do Mar, na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. “Cabe destacar a dispoñibilidade dos balnearios, non só na cesión das súas instalacións, senón tamén poñendo a disposición do curso aos seus profesionais”, subliña Legido, que tamén explica que ao longo dos anos que se vén ofertando este taller “contribuíu, en gran medida á difusión e ao coñecemento do potencial termal galego”.

“Trátase dun curso moi atractivo xa que ten unha parte práctica moi ampla”

Á pregunta de que a se debe o éxito do curso, Legido argumenta que se “trata dun curso moi atractivo, xa que ten unha parte práctica moi ampla, na que todos os participantes poden experimentar distintas técnicas e, ademais, ao ser itinerante, coñécense moitos centros termais”, explica o catedrático vigués. As clases, de carácter tanto teórico como práctico, xirarán arredor das augas mineromedicinais e o seu valor terapéutico co obxectivo de dar a coñecer os distintos establecementos que existen en Galicia e os servizos que prestan, ademais das técnicas, o turismo ligado ao sector e as últimas innovacións no ámbito termal.