DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sobre segmentación da rede, unha das características máis innovadoras deste tecnoloxía

Primeiro gran proxecto de innovación para o Laboratorio 5G

Situado na EE de Telecomunicación, o centro botou a andar o pasado mes de marzo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 02/07/2020

Púxose en marcha hai apenas uns meses e xa está todo listo para que arranque o que será o seu primeiro gran proxecto de innovación. Falamos do Laboratorio 5G da Universidade de Vigo, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e que está chamado a converterse no principal espazo de investigación galego sobre estas tecnoloxías de comunicacións avanzadas sen fíos. Este primeiro traballo co que o laboratorio arranca a súa actividade xira arredor das denominadas Network Slicing ou Segmentación de Rede, unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, se ben o seu desenvolvemento aínda se atopa nun punto moi inicial a pesar das grandes avantaxas que introduce con respecto ao compartimento de redes, asignación de largo de banda e calidade do servizo.

“O principal obxectivo deste proxecto é, precisamente, avanzar no uso e a aplicación das tecnoloxías", explica o investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil. Estas tecnoloxías permiten, segundo explican os expertos, aproveitar as características de virtualización da tecnoloxía 5G para crear redes illadas e adaptadas a necesidades específicas (como as das redes especializadas en IoT, de banda larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios corporativos, etc.) sobre a mesma infraestrutura sen ter que despregar novos equipos específicos, como podería ser necesario hoxe en día.

Este traballo converterá ao laboratorio nun referente internacional

O laboratorio 5G galego será pois un dos primeiros en afondar nas posibilidades da Segmentación da Rede, o que o converterá nun referente nacional e tamén internacional no ámbito da investigación das diferentes funcionalidades que permite o estándar da tecnoloxía 5G. A posta en marcha o pasado mes de marzo deste centro foi posible grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez. Ademais da propia creación do laboratorio, con este  acordo tamén se lle deu continuidade á colaboración iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G que celebrara a súa primeira edición en 2019.

O novo laboratorio ofrece, por unha banda, equipamento específico para realizar todo tipo de probas sobre esta tecnoloxía e, pola outra,  asesoramento dos especialistas da Universidade. A súa constitución enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.

“Temos equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran colaborar coa Universidade. É o que damos en chamar a innovación aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos coñecementos que hai na UVigo”, explicaba Felipe Gil no intre de constituirse o laboratorio. Non se trata, remarcaba, “de que empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”, senón que o que se busca e xerar sinerxías, colaborar en proxectos e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do tecido empresarial da contorna.

Desde entón foron varias as solicitudes de utilización do mesmo por parte do sector tecnolóxico. Nestes intres  estanse a explorar e avaliar as diferentes solicitudes, que comezarán agora a frutificar con este primeiro proxecto de innovación baseado na Segmentación de Rede.