DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardóns do sexto certame ‘La Palabra Pintada’ entregáronse este luns en Madrid

A profesora Ana Soler recibe o premio ao mellor libro de artista por un traballo “complexo e sincero”

A obra aborda os diferentes estadios que atravesa unha vítima de violencia machista

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Igualdade
  • Premios
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/10/2019

El futuro del pasado. Historia de una historia de maltrato silente. La mujer instinta é o título do libro de artista polo que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Ana Soler resultou merecedora do sexto premio La Palabra Pintada, entregado este luns en Madrid. Promovido pola Fundación Ankaria, que destaca que esta iniciativa tense convertido no “premio máis importante de España” dedicado a esta disciplina artística, a tamén directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo concorreu ao certame cunha obra marcada pola súa “complexidade” e por ser tamén un proxecto “sincero”, no que aborda os diferentes estadios polos que atravesa unha vítima da violencia machista.

“É un libro que saíu dunha situación moi dolorosa”, recoñece Soler, quen ve tamén neste premio, fallado o pasado mes de xullo, un recoñecemento a que “a arte cando é sincera, no sentido de que conecta co máis profundo do teu ser, do que se quere comunicar, adquire un poder que se transmite a outras esferas”. Centos de artistas de diferentes países, segundo sinalou a Fundación Ankaria, concorren cada ano a un certame que na súa sexta edición distinguiu tamén os libros de artista de Stefan Klein, gañador do segundo premio, e de Jorge Isla, co galardón para artistas novos.

Diversidade de técnicas e materiais 

Integrado polo presidente da Fundación Ankaria, Ricardo Martí, e os padróns da fundación Saleta e Javier Rosón, Jaime Mirata e José María Luna, o xurado destacou o traballo de Soler como “un exemplar único que combina imaxes, símbolos e metáforas evocadoras dos diferentes estadios do proceso de maltrato e morte psicolóxica polos que atravesa unha muller, ao mesmo tempo que se proxectan algunhas luces para a súa posible curación”. Realizado con múltiples materiais e técnicas, trátase nese senso dun libro que combina diferentes elementos gráficos, como debuxos, fotografías, gravados ou litografías, xunto con textos extraídos do libro Mujeres que corren con los lobos, de Clarisa Pinkola Estés, ou páxinas de antigos libros xaponeses. Para dar forma ás 249 páxinas deste volume, Soler valeuse así mesmo de papeis de diferentes gramaxes e texturas ou de vinilos de corte de veludo sobre tule, pero tamén doutra serie de recursos, como cabelos, tinta chinesa ou pan de ouro. “En xeral o libro de artista é un obxecto complexo, que non se percibe dunha forma unitaria, senón que é un obxecto para mergullarse nel”, salienta Soler dun traballo no que fai uso “de elementos moi variados” para construír un discurso que busca evocar múltiples sensacións no espectador, á vez que “tocar moitos factores” do que supón a violencia contra as mulleres.

Visibilidade a esta problemática na “mellor colección de España”

Tralo acto deste luns, El futuro del pasado pasará agora a formar parte da exposición itinerante La Palabra Pintada, que a Fundación Ankaria leva por diferentes puntos de España. Sumarase así aos libros de artista dos premiados nas anteriores edicións, Javier Pividal, Shirin Salehi, Daniel Verbis, Guillermo Mora e Roberto Aguirrezabala, e ás “pezas de figuras consagradas, que constitúen o corpo central desta mostra”, como explica a fundación. Nese senso, Soler define como “un luxo e unha honra” que a súa creación “pase a formar parte da mellor colección de libros de artista que existe agora mesmo en España, da que forman parte obras de Tàpies ou Picasso”. Pero, máis aló do prestixio da colección, Soler subliña a importancia de que esta exposición itinerante permita tamén facer da súa obra “unha voz para falar dunhas temáticas que frecuentemente están moi ocultas, e que é importante visibilizar, desde a arte e desde calquera contexto”. 

Cunha dotación económica de 3000 euros, este premio súmase a outra serie de recoñecementos como o Premio Nacional de Gravado que Soler acadou en 2001. Nese senso, a artista e investigadora do grupo dx5 (digital & graphic art research) ve neste premio “a culminación dun proxecto profesional e persoal de creación e investigación que ten que ver co libro de artista e que ten unha compoñente moi importante de deseño editorial”.