DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pola serie documental La mujer en Carthago Nova, elaborada polo grupo de investigación Iura. RvB

A profesora Mª José Bravo Bosch recolle dous galardóns no IV Festival de cine arqueológico de Castilla y León

O Viriato de Ouro do público e o Viriato de Plata ao mellor documental

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Transferencia
D. Besadío DUVI 17/06/2019

A profesora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Mª José Bravo Bosch recolleu esta fin de semana no Teatro Principal de Zamora dous dos premios outorgados no IV Festival de cine arqueológico de Castilla y León,  o Viriato de Ouro do público e o Viriato de Prata ao mellor documental, pola serie La mujer en Carthago Nova, da que ela é unha das autoras, xunto ao resto de integrantes do grupo de investigación interdisciplinar Iura. Romanas, visigodas y Bizantinas, liderado pola catedrática de Dereito Romano da Universidade de Almería, Rosalía Rodríguez López, e do que a docente viguesa forma parte desde hai anos.

La mujer en Carthago Nova é unha produción dedicada ao papel da muller na sociedade romana e, particularmente, na cidade de Carthago Nova, actual Cartaxena. A produción ten unha duración de 50 minutos distribuída en tres capítulos e destaca especialmente polas súas detalladas recreacións históricas. “No documental saímos diferentes investigadoras que formamos parte deste grupo explicando como era a vida da muller na Antiga Roma e, máis concretamente nesta cidade. Nel damos detalles sobre as condicións, tanto xurídicas como sociais, da súa vida diaria, do patrimonio arqueolóxico, etc. “, explica a docente viguesa, “tremendamente orgullosa”, tanto por toda a repercusión que está a lograr este traballo como polo recoñecemento que acaban de recibir neste prestixioso certame no que a maior parte dos integrantes do xurado son arqueólogos e arqueólogas. “É un recoñecemento de que o noso traballo a favor das mulleres e explicando como era a súa situación xurídica e social nesta época ten moito significado e tamén moita importancia”, recalca.

A profesora Bravo Bosch foi a encargada de recoller ambos galardóns por petición das súas compañeiras e compañeiros e, se ben admite que esta foi a súa primeira experiencia na realización dun documental audiovisual, os bos resultados que están a acadar fan que desde este grupo de traballo pensen xa na posta en marcha de novos proxectos deste tipo. “Este documental é un excelente exemplo de transferencia de coñecemento e na nosa cabeza temos outras ideas que tamén nos gustaría pór en marcha”, salienta a investigadora. 

A vida das mulleres de Carthago Nova en tres capítulos

A produción combina testemuñas de especialistas na materia con coidadas e detalladas recreacións históricas que corren a cargo de actores e actrices que transportan ao espectador a esta cidade mítica hai 2.000 anos. O primeiro capítulo está dedicado á muller no ámbito doméstico, o lugar onde transcorría gran parte da súa existencia, xa fose como filla ou esposa; o segundo realiza un completo percorrido polos momentos máis importantes na vida dunha muller romana, desde o nacemento ata o falecemento, pasando pola infancia, o casamento e a maternidade. O terceiro e último capítulo recolle o reflexo da muller romana na sociedade actual de Cartaxena, principalmente a través de manifestacións artísticas e populares, e todo iso grazas ao coñecemento obtido nos últimos anos de traballos arqueolóxicos e posteriores investigacións.

Esta produción enmarcouse dentro do proxecto Patrimonio Dixital que dirixe a Fundación Integra, e para a súa realización contou con financiamento de fondos europeos FEDER e da Dirección Xeral de lnformática, Patrimonio e Telecomunicacións da Consellería de Facenda e Administracións Públicas do goberno de Murcia.

Previamente a recibir estes dous galardóns, o grupo de investigación Iura. Romanas, visigodas y Bizantinas, recibira xa outros recoñecementos, entre outros, un premio de innovación docente polo traballo: Información y difusión de los derechos de la ciudadanía europea: Mujer y ciudadanía.