DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións celebraranse o vindeiro mércores, día 13

A profesora María de los Ángeles Peña, única candidata ao decanato da Facultade de Química

O reto máis importante é “a implantación do novo plan de estudos que comezou en setembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/11/2019

A profesora do Departamento de Química Física María de los Ángeles Peña é a única candidata nas eleccións a decanato da Facultade de Química. A súa candidatura, composta por Marta Teijeira e Francisco Javier Pena como vicedecana e vicedecano, respectivamente, e Emilia García como secretaría, será sometida á vontade do centro o vindeiro mércores día 13 cando se celebrará a votación en Xunta de Facultade.

A candidatura de Peña, polo momento provisional ata que remate o prazo de reclamación mañá venres, aspira a relevar no decanato ao equipo de Ignacio Pérez Juste, que leva ao fronte da facultade dende 2013. De cara ao futuro, a profesora considera que o reto máis importante é a implantación do novo plan de estudos que comezou en setembro. Por isto, explica, que “xa comezaron a falar con diferentes colectivos e imos seguir a facelo para saber cales son as súas inquedanzas con respecto a este tema”. Neste sentido, remarca que son conscientes de que “para os alumnos un cambio de plan de estudos sempre leva asociado certas problemáticas que queremos tentar minimizar”. 

Outros dos puntos clave que aposta por potenciar é a visibilización da facultade e da “súa riqueza humana” no conxunto da universidade e da sociedade e por potenciar e mellorar programas como o Plan de Acción Titorial e o mentoring (MEET). Tamén apostan por “facer un labor de concienciación social da importancia da Química e desligala da imaxe negativa que ten moitas veces” e, nesta liña, un dos obxectivos é acreditar a nivel europeo o título de grao ou participar en algunha das propostas do espazo europeo de educación como European Chemistry Thematic Network Association (ECTN).

Finalmente, Peña engade que outra das apostas é incrementar o número de estudantes que realizan prácticas en empresas e tamén participar en proxectos de colaboración coas ensinanzas medias como o StemBach.

Catro membros, catro áreas

Respecto do equipo que acompaña a Ángeles Peña nesta candidatura, a docente explica que “en Química temos catro grandes áreas: Química Analítica, Química Física, Química Inorgánica e Química Orgánica e, dende que decidín formar un equipo para presentarnos, tiven como obxectivo que estivese formado por unha persoa de cada un deles”. Considera a candidata que é algo “moi positivo e enriquecedor ter diferentes sensibilidades no grupo e estar en contacto moi directo con cada un dos departamentos”. Deste xeito, a a secretaria sería Emilia García, profesora titular de Química Inorgánica; como vicedecana de Organización Académica figura a profesora contratada doutora Marta Teijeira, e como vicedecano de Calidade o investigador distinguido Francisco Javier Pena. Ademais, engade, “conto con axuda de outros membros da facultade para botar unha man por exemplo coas visitas dos institutos, o programa Erasmus ou as prácticas en empresas”.