DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de dous profesores e un alumno de predoutoramento da Universidade

O programa de incubación da Business Factory Aero financiará o proxecto Contact-drone

Durante dous anos traballarán no desenvolvemento da idea de negocio

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 17/12/2019

Contact-drone, un proxecto promovido desde a Universidade de Vigo, foi seleccionado como unha das seis propostas que formarán parte da segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta de Galicia dentro da Civil UAVs Initiative (CUI). Durante dous anos os seus promotores traballarán no desenvolvemento dunha idea de negocio centrada no uso de drones para inspección de estruturas verticais, como edificios.

Concretamente, Contact-drone foi unha das tres proposta escollidas para a fase de incubación da convocatoria BFAero, iniciativa que busca promover o desenvolvemento de empresas innovadoras do sector aeronáutico galego co respaldo de empresas internacionais líderes no sector como Indra e Babcock. O proxecto é unha proposta de Higinio González, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense; Joaquín Martínez, profesor da Escola de Enxeñaría de Miñas e Enerxía do campus de Vigo, e Luis González, alumno de doutoramento que está a realizar a súa tese baixo a dirección destes dous profesores. O financiamento acadado, indican os responsables da proxecto, é de 60.000 euros para os anos 2020 e 2021.

Dous anos de maduración

O proxecto Contact-drone, explican os seus promotores, céntrase no desenvolvemento de cargas de pago para vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como drones, que permitan establecer un contacto estable entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta carga de pago, detallan, permitiría realizar tarefas de inspección non destrutiva baseada por exemplo en ultrasóns. Trátase, apuntan desde o proxecto, de estudar as posibilidades do uso de drones para tarefas de inspección de estruturas verticais, como edificios, parque eólicos, presas ou viadutos, nas que actualmente hai que empregar elementos complexos como grúas ou andamios.

Rematado o proceso de selección entre as 40 candidaturas presentadas a esta edición de BFAero, desde Contact-drone sinalan como “estamos moi contentos porque quedamos entre os tres seleccionados e iso amosa que a idea é boa”. Esta idea, apuntan, nace no marco da tese de doutoramento de Luis González. “Quixemos presentarnos porque dábanos pena que todo o traballo que se fai no marco da tese, de coñecemento, de publicacións, etc, quedase só nun traballo académico”, indican os promotores do proxecto, que recalcan como o “verdadeiro protagonista” desta proposta é o traballo que está a realizar Luis González para a súa tese. Coa participación nesta aceleradora, subliñan desde Contact-drone, ábrese a posibilidade de que deste coñecemento que se está xerando xorda unha iniciativa de emprendemento tecnolóxico.

O programa de incubación de BFAero, explican desde a aceleradora, é un programa de apoio estruturado en dúas fases de 12 meses cada unha, cunha avaliación intermedia, pensado para startups, spin-offs e spin-outs que podan achegar solucións nas áreas temáticas definidas na convocatoria, como son o sector aeronáutico e o de drones, e centrado en conseguir que os proxectos podan validar co mercado as súas propostas de valor e os seus modelos de negocio e situarse en posición de realizar primeiras vendas no sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados. O gañadores desta edición déronse a coñecer o pasado 13 de decembro na sede da Fundación CEL de Lugo nun acto que contou coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.