DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderase realizar ata o 26 de xullo e o procedemento é dixital

O Programa de Maiores abre o prazo de preinscrición

A matrícula poderase formalizar en setembro, tanto para o ciclo intensivo como para o integrado

Tags
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 15/07/2019

A partir de hoxe luns, 15 de xullo, está xa aberto o prazo de inscrición nos ciclos intensivo e integrado no Programa de Maiores da Universidade de Vigo, unha alternativa docente reservada para persoas de máis de 55 anos con independencia dos estudos previos cos que conten. A inscrición, que se pode realizar ata o 26 de xullo, debe cursarse en liña, pero as persoas que o precisen poden recibir apoio para completar o proceso no campus de Ourense na Área de Servizos á Comunidade no Edificio Administrativo (de 9.00 h a 14.00 h), no campus de Pontevedra na Área de grao na Escola de Enxeñaría Forestal (de 9.00 h a 14.00 h) e no campus de Vigo na Escola de Enxeñaría Industrial en Torrecedeira de luns a venres pola maña (de 9.00 h a 14.00h) e pola tarde martes e xoves de (17.00 h a 19.00h). Unha vez peche o prazo, o 29 de xullo publicarase a lista provisional de persoas admitidas e o 5 de agosto a definitiva. 

O Programa de Maiores botou a andar en 2002 e, dende entón, xa pasaron polas súas aulas preto de 6000 alumnos e alumnas. Neste curso 2018-2019 participaron 539 estudantes, 324 no campus de Vigo, 133 no de Ourense e 82 en Pontevedra. Deles, 411 formaron parte do ciclo intensivo e 128 do integrado, compartindo estes últimos materias e aulas co alumnado da formación regrada dos graos e creando así unha contorna de experiencias interxeracionais. A idade do alumnado sénior dos campus é tamén moi dispar, dende os 55 que é idade mínima para participar nesta formación, ata os 86 da estudante de maior idade coa que o programa contaba neste curso.

Matrícula no Ciclo Intensivo 

O Ciclo Intensivo do Programa de Maiores está deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través dun espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, e favorecendo un estilo de vida activo e saudable. Comprende un total de 54 créditos ECTS e permite obter o título propio de ‘universitario ou universitaria sénior’. O alumnado poderase matricular nun mínimo de 9 créditos por curso académico e dun máximo de 18. 

A formalización da matrícula neste Ciclo Intensivo poderase realizar do 9 ao 20 de setembro, tanto para o alumnado de novo ingreso como paras as persoas que xa gozasen de matrícula en cursos anteriores e continúen os seus estudos neste curso académico. Tamén nesta quenda poderá matricularse o estudantado que xa rematase o ciclo intensivo e queira seguir neste ciclo en materias soltas non superadas.

Matrícula no Ciclo Integrado

O Ciclo Integrado, pola súa banda,  ten como obxectivo primordial fortalecer as relacións interxeracionais, xa que se desenvolve de xeito conxunto cos diferentes graos da Universidade de Vigo, compartindo materias, aulas e horarios e en igualdade de circunstancias, salvo que non exista a obriga de participar nos procesos de avaliación do estudantado xeral de grao. O alumnado poderase matricular nun máximo de 18 créditos ECTS cada curso académico e, finalizado o ciclo, outórgase o título propio de ‘universitario ou universitaria superior sénior’. No caso de que o alumno ou alumna supere un mínimo de 24 créditos dun mesmo ámbito de coñecemento, engadiráselle ao título obtido o recoñecemento como experto ou experta no ámbito correspondente.

A matrícula neste ciclo deberase facer efectiva do 2 ata o 6 de setembro.

Lugares de matrícula e prezos

Mentres o proceso de inscrición é en liña, a matrícula realizarase de xeito presencial en cada campus e con cita previa. Os lugares habilitados son a Área de Servizos á Comunidade no Edificio Administrativo do campus de Ourense, na Área de grao na Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e na Escola de Enxeñaría Industrial en Torrecedeira. 

O prezo da matrícula no Programa de Maiores é de 125€ por curso completo (18 créditos), se ben se pode optar por matricularse por materias soltas, cun prezo de 8€ por crédito da materia.
 

Manual para a realización da inscrición en liña.