DUVI

Diario da Universidade de Vigo

27 estudantes da CCSS e da Comunicación integran o equipo de ‘Radio Escaparate’

Un programa de radio feito por e para o alumnado

A vindeira semana comeza a sexta temporada dun espazo que se difunde a través de internet

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/10/2019

Cen programas alcanzaba o pasado mes de maio Radio Escaparate, o programa radiofónico que, desde xaneiro de 2015, realizan e difunden a través da rede estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tras incorporar doce novos alumnos e alumnas no cásting que levaron a cabo a finais de setembro, un grupo de 27 estudantes deste centro integra no presente curso o equipo responsable deste magazine semanal, que a vindeira semana iniciará a súa sexta tempada. “A nosa idea é intentar darlle un xiro ao programa e facelo máis humorístico, máis centrado no entretemento, enfocado sobre todo ao que cremos que é o noso público obxectivo, o alumnado universitario”, salienta o director do programa, Pedro Javier Miguélez.

O arranque desta sexta tempada de Radio Escaparate viuse precedida, na tarde deste luns, pola gravación, no estudo da facultade, dun “piloto”, dirixido a “ver un pouco como funcionan as novas seccións e que á xente nova se sinta cómoda e poida ver tamén como traballamos”, apunta Miguélez, quen tras exercer como técnico de son e locutor, convértese nesta tempada no novo director do programa. 27 alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas integran os equipos de locución, produción, son, foto e vídeo, redes sociais e deseño deste espazo radiofónico que, explican, emitirá “un programa semanal ao longo do curso, aínda que con paróns en vacacións e durante os períodos de exames”. 

Dar a coñecer o programa no campus, primeiro obxectivo

“O principal obxectivo é o mesmo que todos os anos, dar a coñecer o programa á xente da facultade, pero sobre todo, do resto de centros do campus”, sinala Miguélez respecto dun dos propósitos cos que Radio Escaparate inicia esta sexta tempada. Presentado por Ángela Aboy e Alicia Nuñez, este magazine radiofónico contará un ano máis cunha entrevista central, pola que o pasado curso pasaron, entre outros, o músico Iván Ferreiro, o actor e cómico Carlos Blanco ou a youtuber Rebeca Stones. Contará tamén de novo coa “sección de actualidade e redes sociais” Chíos e cancelos ou co espazo dedicado a deportes A bancada, xunto con novas propostas como o espazo no que Iván Iglesias e Eduardo Sevillano realizarán “unha canción en galego dalgún xénero do que non haxa practicamente cancións” neste idioma, relatan os responsables deste espazo radiofónico. 

O programa difundirase cada semana a través da web de Radio Escaparate, da plataforma de podcast Ivoox e de PontevedraViva Radio, canles ás que este curso suman tamén Spotify Podcast, así como a realización de vídeos para Youtube, “que é algo que xa fixemos o curso pasado e que queremos potenciar este ano”, sinala Miguélez.  

A experiencia de vivir a radio desde dentro

“Creo que é unha oportunidade para coñecer mellor como é o mundo da radio desde dentro, é unha experiencia nova que che enriquece”, salienta Alejandro Fazanes, estudante de Publicidade e Relacións Públicas, que se incorporaba o pasado curso ao programa como técnico de son e que no presente curso desenvolverá labores de produción. “Normalmente, cando a xente pensa na radio pensa só en locución”, engade Lucía Carrera, que sinala que esta iniciativa lles permite “ir coñecendo outros ámbitos”, no seu caso, situándose trala mesa de son. “Non tiña moitos coñecementos e a verdade é que ao final gustoume moito”, recoñece esta alumna de Comunicación Audiovisual, que repite presenza neste departamento do programa, do que tamén forma parte Carlos Martín. Alumno de Publicidade e RRPP, Martín conta con formación e experiencia previa como técnico de son, e recoñece que decidiu sumarse a esta iniciativa “para achegar un pouco os meus coñecementos á xente que acaba de chegar á facultade, pero tamén para gozar da radio e da compañía”.