DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo participa nesta iniciativa de carácter internacional

O Proxecto MicroMundo volverá ás aulas para concienciar sobre o uso responsable de antibióticos

A actividade desenvolverase en dous centros educativos da cidade de Ourense

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 03/12/2019

Este curso académico o nodo na Universidade de Vigo da iniciativa internacional MicroMundo volverá ás aulas de varios centros educativos da cidade de Ourense para concienciar ao alumnado da importancia de facer un uso responsable dos antibióticos ao mesmo tempo que se esperta neles a vocación científica. Para facer balance desta actividade e falar da edición deste curso académico e para divulgar a problemática sobre a que traballa, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este martes unha xornada.

A posta en marcha desta nova edición de MicroMundo@UVigo e a celebración da xornada, titulada II Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos, enmárcanse na conmemoración recentemente da Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos. A xornada foi aproveitada non só para falar da problemática que supón o abuso destes fármacos e a necesidade de descubrir outros novos polo desenvolvemento de resistencia a eles, senón que tamén reuniu a representantes dos diferentes axentes implicados na primeira edición de MicroMundo@UVigo, tanto da Universidade como de centros educativos, para analizar e optimizar esta actividade.

Un experimento real

O nodo da Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. O proxecto pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense pola profesora María José Pérez, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal.  

O pasado curso académico o nodo de MicroMundo na Universidade de Vigo desenvolveu este proxecto de investigación real no IES Valadares de Vigo e no IES O Couto de Ourense. Na edición 2019/2020, a iniciativa volverá a O Couto e incluirá outro centro educativo ourensán aínda por determinar. Como novidade nesta edición, comentan desde o nodo, o proxecto pasa a estar abalado ademais pola Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) da Universidade de Vigo, impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación coa colaboración da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

Sobre a dinámica do proxecto, a profesora da Facultade de Ciencias lembra como as actividades de MicroMundo@UVigo realízanse nos laboratorios dos centros educativos elixidos durante varias sesións nas que, acompañados dunha ou dun titor, estudantes da Universidade de Vigo voluntarios e previamente formados exercen de profesorado. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias. No caso de que se chegase a identificar unha cepa produtora dunha sustancia de interese o programa respectará a autoría do descubrimento.

“Estamos encantados co desenvolvemento deste proxecto”, comenta María José Pérez. A profesora recalca entre os aspectos positivos desta iniciativa o feito de que permite ao profesorado universitario devolver á sociedade parte do que recibe dela en forma de transmisión de coñecemento e como ese coñecemento atinxe “a un tema prioritario no mundo como é o do uso de antibióticos”. Neste contexto, indica María José Pérez, “contribuímos dalgún xeito a concienciar sobre esta problemática á vez participamos activamente na busca de posibles solucións”. Tamén subliña a docente o feito de que a participación de alumnado universitaria “nun proxecto científico real deste tipo” contribúe a desenvolver nel a vocación docente ou investigadora e como no alumnado preuniversitario fomenta a vocación por carreiras do ámbito científico ou tecnolóxico.