DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No desenvolvemento da iniciativa participan dous grupos de investigación da Universidade

O proxecto Topacio proba en estradas de Celanova e Lobios o seu sistema de xestión de vías e biomasa para a prevención de lumes

O obxectivo é obter unha metodoloxía e ferramenta extrapolables a outras infraestruturas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/11/2019

A estrada de Ourense a Celanova AG-31, nas proximidades desta última vila, e a OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés no seu paso por Lobios, están sendo o banco de probas do proxecto Topacio (Tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais). Nelas estase a deseñar unha metodoloxía e unha ferramenta, baseada en tecnoloxías innovadoras, que teñen como obxectivo contribuír á prevención de lumes xestionando a información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións.

No  proxecto, iniciado en 2018, participan as empresas Extraco, que achega a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica. Xunto a elas participan os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, participando Feuga na xestión administrativa. O importe do proxecto ascende a 799.316,81 euros, contando cunha subvención Conecta Peme 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Ferramentas tecnolóxicas

Este xoves o edificio do Campus da Auga no campus de Ourense acolleu unha xornada de divulgación do proxecto na que se fixo balance do seu primeiro ano de actividade. Higinio González, investigador principal no proxecto por parte da Universidade de Vigo, e Javier Prego, da empresa Extraco, coordinadora da iniciativa, foron os encargados de explicar os avances feitos. Segundo comentou Javier Prego “este 2019 fixéronse ensaios reais en campo en dúas zonas da provincia de Ourense, na zona de Lobios e na autovía de Celanova”. Estes ensaios, detallou, “comprenden a utilización de equipos de láser escáner móbil, para facer levantamentos topográficos de alta intensidade, estudando a proxección das copas das árbores nas estradas como elementos que poden influír na propagación dos incendios forestais”. Ademais, engadiu, utilizáronse imaxes de drones nesas zonas para complementar o estudo. Tamén, indicou, recolléronse imaxes de dous satélites dos enclaves estudados e datos meteorolóxicos, avanzouse no desenvolvemento dunha aplicación cidadá que ten como obxectivo que as persoas que pasen polas autoestradas poidan informar de incidencias nelas e se están optimizando os datos históricos de actuacións previas nesas estradas, entre outras cuestións.

“Neste proxecto nós estamos traballando fundamentalmente en dúas áreas. Unha é a utilización de imaxes de satélite para ver o estado da vexetación na contorna das estradas e outra é a xestión de datos de sistemas aéreos non tripulados, que nos dan con sistemas Lidar a xeometría da contorna da estrada”, detallou pola súa banda Higinio González. Con estas ferramentas, apuntou o investigador, “podemos ver se unha árbore se está proxectando sobre a estrada, información que pode axudar ás empresas conservadoras a organizar as tarefas de xestión, como podas por exemplo, desa masa forestal”. No ano 2019, detallou, “traballamos fundamentalmente con imaxes de diferentes satélites de observación, que dan imaxes periódicas do territorio, e desenvolvemos algoritmos que nos permiten extraer información desa imaxes para ver o estado da contorna das estradas analizadas”. Tamén, engadiu, desenvolveron “algorítmica para o procesamento de datos Lidar Aéreo, para obter xeometrías da contorna da estrada e saber que porcentaxe de vexetación de cada tipo temos proxectada e cousas similares”. Na actualidade, dixo o investigador, “estamos traballando na xestión de todos eses datos para sacar índices de risco” nos que se teñan en conta factores como a orografía do terreo, a meteoroloxía ou o estado da vexetación.

Confluencia de datos

No proxecto, comentou Javier Prego, “conflúen diferentes ferramentas que se queren integrar para ter datos multivariables con diferentes técnicas, algunhas delas bastante novidosas, como o láser escáner móbil, o uso de drones con láser escáner e o uso da monitorización por satélite”. Con esta metodoloxía o que se busca, lembrou o coordinador do proxecto, é “poder facer unha monitorización máis exhaustiva das estradas e das súas contornas de cara á prevención de lumes”, apuntando á relación entre o feito de que en determinadas zonas hai unha recorrencia habitual de incendios e o tipo de vexetación e estrada que hai nelas. “A novidade deste proxecto é que por primeira vez se atende nunha estrada a súa relación coa propagación dos incendios forestais, iso nunca se fixera”, apuntou Prego, que lembrou a importancia de avanzar neste eido tendo en conta sucesos como Chandebrito e Pedrógão Grande.

No 2020, adiantou Javier Prego na xornada celebrada en Ourense, “trátase de volver a facer ensaios de campo que corroboren os que se fixemos en 2019 e levalos a unha escala máis grande e crear unha aplicación que conxugue toda a información recollida”. O produto final, indicou, “queremos que sexa un sistema de xestión de estradas que teña en conta o perigo da vexetación que rodea as estradas e diferentes índices de risco de incendios”.