DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Que non cesen a lingua e a literatura galega

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/05/2019

Baixo o lema A lingua é/e o futuro, a Universidade de Vigo adiantouse este luns á celebración do Día das Letras Galegas e fíxoo cunha gala no teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria na se mesturou o apoio aos novos valores da creación literaria; cunha sentida lembranza a Antón Fraguas, figura a que se homenaxea este 17 de maio  e que chegou da man do académico Xosé Luis Méndez Ferrín, e cunha clara aposta pola música do país, nesta ocasión coa actuación de Berlai, unha banda encabezada por Xiao Berlai e que define o seu son como “indie rururbano” influído pola tradición galega, o indie, o rock e a música electrónica.

O acto, conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais Mónica Valderrama, estivo presidido polo reitor, Manuel Reigosa, quen admitiu, lembrando a canción do grupo vigués Golpes Bajos, que “corren malos tempos para a lírica”, facendo con isto referencia a que “algo non vai ben cando en Galicia é máis doado implantar unha titulación integramente en inglés ca en galego”, ao que engadiu que desde a Universidade de Vigo se fará todo o posible por cambiar isto e lograr un título enteiramente en galego “máis cedo que tarde”.  Xunto a eles contouse tamén coa asistencia do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, profesor da propia Universidade de Vigo, quen lembrou a longa traxectoria dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria desta institución, “uns galardóns que axudaron, axudan e seguirán axudando á creación literaria galega”, subliñou o representante do goberno galego, quen fixo tamén fincapé en que “repasando os gañadores vemos bastantes nomes que hoxe están xa dentro do panorama literario galego”.

O gañador do Premio de Poesía reivindica a modalidade semipresencial nos graos

O encargado de ler a acta de concesión dos premios foi o director da Área de Normalización Lingüística, o profesor Fernando Ramallo, quen lamentou que moitos dos premiadas/os non puidesen asistir debido a impedimentos laborais. Este foi o caso do Premio de Poesía 2019, Luís López, estudante do Grao de ciencias da linguaxe e estudos literarios na súa modalidade semipresencial, labor que compaxina co seu traballo como farmacéutico adxunto nun despacho lugués. Recibiu o premio por Presal, unha obra na que recolle “unha presa de poemas escollidos dun ciclo inédito escrito no 2010 e máis outro poema anterior, Subterraneans (2009), do que só ficou escolleita para esta convocatoria unha parte”, explica o autor, ao que engade que o ciclo do 2010 contiña poemas nos que se pretendía establecer unha comunicación crítica co mundo socio-cultural “que semella representarnos nesta parte do planeta e tamén cavilar sobre a súa vixencia”, indica o poeta, quen aproveitou a súa presenza neste acto para reivindicar que se potencie en máis titulacións universitarias a modalidade semipresencial. “Coido que se está a cometer un grave erro ao dispor que o Grao de ciencias da linguaxe e estudos literarios desapareza. Considero que a solución sería potenciar con rigor as calidades e posibilidades dun plan de estudos, para min, merecedor de máis respecto por parte da administración universitaria e non, en troques, desbotalo das ofertas docentes desta universidade”, recalcou.        

Ademais do traballo de Luís López, o xurado recoñeceu tamén cun accésit a Andrea Ucha, polo poemario Punto Nemo, e a Anxo Mena, por Non somos mártires. Ademais, dada a súa elevada calidade, recomendou tamén a publicación de Leonciña de Marinha Paradelo.

Premio de relato curto para unha historia sobre violencia e fanatismo 

No caso do Premio de relato curto 2019 recaeu nesta ocasión en Xosé Sobral, un investigador que xa foi galardoado en diferentes edicións destes premios. Profesor de Formación Profesional e estudante de doutoramento en Xestión dos ecosistemas terrestres na Universidade de Vigo, Sobral tampouco puido acudir a recoller o seu diploma. “Está é unha afección moi solitaria, que require de certo illamento introspectivo, así que sempre se agradece despois recibir retorno ‘do mundo exterior’, sobre todo se este che confirma que o que escribes ‘paga a pena’”, admite Sobral, quen recibiu o premio por O tirador, un relato sobre a violencia, o fanatismo e a crueldade e os pretextos aos que esta se acolle para xustificarse a si mesma e apagar, con éxito ou sen el, a voz da conciencia. “Tamén sobre a natureza humana, en especial cando nos vemos sometidos a situacións extremas”, recalca o autor. 

Nesta categoría o primeiro accésit foi para María Dolores López, polo relato Le petit artiste, e o 2º para Iván Carpintero, polo relato O dedo extraviado, ouo Xardín dos Valores (conta inda sen ilustrar)

Premio de tradución a favor do feminismo

Quen si que puido acudir á gala de entrega de premios foi Gema Rocha, 1º Premio de tradución literaria, pola tradución dun texto de Rupi Kaur. “Elixín a esta autora pola súa forma de expresarse a favor do feminismo. Nos tempos que estamos a vivir é moi importante que as mulleres nos reivindiquemos para poder vivir en igualdade e combater a lacra da violencia de xénero”, salientou Rocha, titulada en Tradución e Interpretación e colaboradora na Área de Normalización Lingüística. Recoñece que recibir este premio a fixo “moi feliz”, porque o que máis desexaba era que a súa tradución gustase, e que lle outorgaran este premio supón un recoñecemento ao seu traballo.

“Traducir nunca resulta fácil xa que sempre nos parece que hai opcións mellores das que escollemos. Traducir poesía é algo en si complicado, neste caso a dificultade de manter rimas non estaba presente nestes poemas, porén, atopar as expresións para manter o mesmo efecto do orixinal na nosa lingua foi o que me resultou máis complicado”, recalca Rocha, quen admite que o que máis lle gustou foi “sentir os versos, adentrarme no mundo que describe a autora sen necesidade de disfrazar palabras e ideas”.

Méndez Ferrín afonda na xénese e o futuro do Día das Letras Galegas

Como conferenciante convidado o acto contou coa participación de Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos nomes máis representativos da literatura galega contemporánea, membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, entre outros moitos méritos. Na súa intervención, ademais de darlle os parabéns a todos os premiados e premiadas, fixo un rápido repaso por todo o que supón o Día das Letras Galegas: desde o seu nacemento,  “alá por 1962 cando Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a súa celebración á Real Academia Galega” ata a actualidade, coa homenaxe a Antón Fraguas, e mesmo o futuro, un futuro que uniu “irresolublemente” ao propio futuro da lingua galega.

Desde 1963 con Rosalía de Castro como primeira homenaxeada, Méndez Ferrín fixo un repaso á historia do Día das Letras Galegas reivindicando o seu carácter como festa nacional de Galicia “festa laica exclusiva e só galega”, que se foi transformando ao longo dos anos, gañando na súa celebración peso a música, as artes plásticas, a danza ou mesmo o deporte. “Das leccións maxistrais iniciais pasamos a actos máis lúdicos”, salientou Méndez Ferrín, quen lamentou que nos últimos anos fose minguando o costume de apoiar, tanto por parte da propia RAG como da Xunta de Galicia, a celebración de congresos anuais arredor da figura homenaxeada. “En 2013  coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, quen dá nome a este teatro, xa non se celebrou”, lamentou o autor, quen tivo numerosas palabras de agarimo para o escritor, historiador e etnógrafo  Antón Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago, 1999).