DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado para o Eixo Atlántico polo seu director, Juan Picos, presentouse na UTAD

A Rede de Entidades Transfronteirizas publica un estudo sobre lumes forestais coordinado desde a EE Forestal

Propón unha serie de medidas para mellorar a coordinación na súa prevención e combate 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 05/07/2019

Centrado en analizar os diferentes ámbitos nos que a cooperación a ambos lados da fronteira entre España e Portugal podería contribuír a mellorar a prevención e o combate dos lumes forestais, o Eixo Atlántico presentou a finais de 2018 un estudo sobre cooperación transfronteiriza coordinado polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. Estudo que o investigador realizou xunto co inspector xefe de área forestal da Generalitat de Cataluña Marc Castelnou e o coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa, Antonio Salgueiro, e que acaba de ser publicado pola RIET, a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas

“Para nós que á RIET asuma a publicación do estudo supón un salto cualitativo, permite que poida ter un maior percorrido e referenda que o traballo está ben feito”, salientou Picos, tralo acto de presentación que na tarde deste xoves tivo lugar na Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD). O director da EE Forestal valorou tamén que esta publicación, Cooperação transfronteiriça na prevenção e extinção de incendios florestais: Estudo de caso Galiza-Norte de Portugal, fose presentado na UTAD, “unha universidade que ten algúns dos mellores investigadores en incendios nesta parte do mundo e un socio natural da Universidade de Vigo”. Igualmente, Picos incidiu tamén no positivo de que o informe espertase o interese da RIET, rede da que forman parte tanto a Universidade de Vigo como o propio Eixo Atlántico, “o que abre a posibilidade de que a rede intente promover que se leven a cabo” algunhas das medidas propostas.

Facer da fronteira un espazo de cooperación

“Somos aliados naturais á hora de enfocar unha problemática que é a mesma aos dous lados da raia”, sostivo Picos na presentación deste estudo, na que incidiu na importancia de facer da fronteira “un espazo de cooperación” en materia de prevención e extinción de lumes forestais. Picos lembrou que a zona fronteiriza entre Galicia e Portugal é un territorio susceptible de verse afectado por grandes incendios, “asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control en caso de emerxencia”. Lumes que constitúen unha problemática “que se viu agravando de forma considerable” e pola que urxe “desenvolver iniciativas transfronteirizas que permitan enfrontar mellor esta ameaza”, sostivo.

Con esta idea, o informe recolle unha serie de “oportunidades de cooperación” nos ámbitos da prevención, a vixilancia e a extinción. Así, o estudo pon o acento na importancia dunha planificación conxunta na área de socorro mutuo de 25 quilómetros a ambos lados da fronteira e no establecemento de canles de comunicación “rápidos e simples”. En materia de extinción, o documento pon o foco na necesidade de acometer medidas de optimización dos recursos e de incrementar a coordinación entre administracións, con accións como o intercambio de información para levar a cabo unha “análise espacial distribuída do risco e da vulnerabilidade” das diferentes zonas ante posibles lumes. Entre as propostas figura tamén a planificación conxunta dos traballos de patrulla e vixilancia, así como o desenvolvemento de accións coordinadas de información á cidadanía para mellorar a súa “autoprotección”. Por outra banda, entre as “oportunidades de cooperación” detectadas polos autores do estudo figura tamén a necesidade de “formación e cualificación técnica” dos operativos de loita contra os lumes ou o impulso de programas conxuntos de investigación.