DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha carta dirixida este luns ao persoal de administración e servizos

O reitor avoga por “utilizar o período de peche para organizarnos dun xeito máis eficiente”

Manuel Reigosa agradece a este colectivo o esforzo que está a realizar

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 06/04/2020

Ao igual que o fixo co persoal docente e investigador e co alumnado, este luns Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, dirixiu unha carta ao persoal de administración e servizos da institución académica na que aborda a situación derivada da loita contra a COVID-19. Agradecendo a este colectivo o esforzo que está a realizar, o responsable académico salienta na misiva como “non sabemos como e cando imos saír da crise (primeiro da sanitaria e logo da económica) pero temos que tentar saír máis fortalecidos e utilizar o período de peche para organizarnos dun xeito máis eficiente”.

Agradecemento

Na súa carta, o reitor, tras amosar o seu desexo de que o persoal de administración e servizos e as súas familias se atopen ben, sinala como “neste período de Semana Santa tan particular que estamos a vivir este ano, quero enviarvos a todas e todos unha dobre mensaxe”. Por unha banda, Manuel Reigosa quixo trasladar o seu agradecemento a este colectivo xa que “nun tempo absolutamente récord, a nosa universidade puido seguir traballando sen preparación ningunha para realizar tarefas a distancia e con casos contados de experiencia en teletraballo”. 

O reitor detalla na súa misiva como “baixo a coordinación do equipo da Xerencia, coa implicación das persoas responsables dos servizos, coa axuda inestimable da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e a colaboración da parte social, fomos quen de permitir que todo estea a funcionar”. Así, lembra Reigosa, “co fin de facilitar o traballo en remoto, que non sempre é doado, creamos unhas aulas virtuais para que o persoal dos servizos e das unidades poidades manter xuntanzas en liña”. Durante o tempo que dure o confinamento, recoñeceu o reitor, “obviamente xurdirán problemas inesperados, pero confío en que seremos quen de arranxalos cunha actitude positiva”. 

Pensar o futuro

A segunda mensaxe que o reitor quixo trasladar ao persoal de administración e servizos na súa carta é que considera “que esta é unha oportunidade para pensar no futuro”. “Como sabedes, temos o compromiso de acordar unha reorganización da RPT que permita mellorar o traballo e darlles unha mellor resposta ás necesidades actuais que ten unha universidade moderna coma a nosa”, indica Manuel Reigosa no  texto. Neste senso, lembra na carta, “xa estamos a traballar nunha comisión creada ao respecto no Claustro e esperamos ter algunhas ideas enriba da mesa antes de comezar as negociacións coas representacións sindicais”. 

No actual contexto, Manuel Reigosa salienta como “este é un momento axeitado para poder repensar os procedementos, atopar os atrancos, pensar en novas ofertas de servizos, ser capaces de considerar automatizacións de procesos e tentar avanzar nas posibilidades que ofrece o teletraballo”. “En fin, aproveitemos estas circunstancias para poñer as bases dunha mellora da nosa administración que servirán para empezar a repensar a organización dunha nova relación de postos de traballo. Entre todas e todos encontraremos máis solucións que problemas”, recalca o reitor na súa misiva, na que anima ao PAS a remitir á Xerencia as súas suxestións para mellorar o funcionamento da institución académica.