DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense pechou a súa 25ª edición

As representacións da Miteu tiveron unha media de 200 espectadores

O certame contou coa participación de compañías de cinco países

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/07/2020

Cunha choiva de globos e ao canto do público “queremos Miteu”, este mércores pola noite pechouse no Teatro Principal de Ourense a 25ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). A cita cumpriu un cuarto de século celebrando a súa supervivencia a pesar do impacto da crise da covid-19 no sector cultural e cunha programación adaptada ás esixencias sanitarias para garantir a seguridade do público asistente. Facendo balance da súa celebración, desde a organización sinalan que as representacións do certame congregaron unha media de ao redor de 200 espectadores. 

A mostra celebrouse do 2 ao 15 de xullo, contou con 17 representacións de compañías de cinco países e nela volveron a ter un protagonismo especial as aulas de teatro e danza do campus de Ourense, que actuaron durante o seu desenvolvemento. “Á terceira foi a vencida. A primeira Miteu desbotouse polo confinamento, a segunda pola falta de apoio do Concello. Con todo, 17 representacións, unha charla sobre teatro africano e as animacións de rúa, os espazos do Teatro Principal, a Praza da Biblioteca Nova e o Mur Marxinal congregaron unha media de ao redor dos 200 espectadores, algo que soñabamos cando comezamos esta edición”, indican desde Sarabela Teatro facendo fincapé en como esta cita foi “a primeira mostra teatral no estado tras a pandemia”.

Agradecementos e desexos 

Desde a organización subliñan en nota de prensa o seu agradecemento ás persoas e entidades que fixeron posible esta edición. “Grazas por estar aí, con máscara, con ilusión, con aplausos, con cariño. Grazas querido público. Grazas polo voso comportamento impecable respectando todas as normas”, recalcan. A estes agradecementos suman os transmitidos ás compañías “por adaptarse á situación” e ás entidades promotoras, que foron o Campus de Ourense da Universidade de Vigo; a Deputación de Ourense, o Teatro Principal e a Xunta de Galicia. Respecto á retirada nesta edición do apoio do Concello de Ourense, desde a Miteu sinalan que “seguiremos insistindo” para que o órgano municipal “entenda” o apoio do público “e poder facer a mostra en vindeiras edicións”. A súa achega en anteriores edicións, lembran, “supón a metade do orzamento e por iso fomos a metade en cantidade e o dobre en ilusión” nesta 25 edición. 

Sobre o futuro da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, desde a súa organización indican que “soñamos con volver. A próxima edición comeza hoxe”. Para acadalo, lembran, contan coa “militancia” do público “e seremos constantes no intento de sacar un encontro de emocións e aprendizaxes adiante, sempre adiante. A Miteu é de Ourense. Agardamos que non nos boten definitivamente da nosa cidade. Vémonos na 26ª Miteu!”.