DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun número especial co gallo do seu cabodano

A revista 'Cómaros' rende homenaxe ao sociólogo Juan Luis Pintos

A publicación tamén inclúe artigos sobre Vicente Viqueira e a democracia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 13/05/2019

Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego dedica o seu último número ao sociólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Luis Pintos. Co gallo do seu cabodano, a publicación reúne catro textos nos que se fala da súa traxectoria, obra e achegas, especialmente no eido dos imaxinarios sociais. O volume complétase con dous artigos sobre Vicente Viqueira e a democracia.

A revista Cómaros, de carácter electrónico e periodicidade anual, naceu no ano 2016 para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia. A súa dirección corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidad de Valladolid. A publicación conta cun comité editorial e un comité científico que agrupan a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas.

Este número da publicación, comenta David Casado, “é un número especial de lembranza tendo en conta que este mes de maio se cumpre un ano do pasamento de Juan Luis Pintos”. Segundo explica, o sociólogo falecido “era un dos grandes referente a nivel internacional no tema dos imaxinarios sociais”, sendo director da revista Imagonautas e fundador do Grupo Compostela de Imaxinarios Sociais. Ademais, subliña o profesor da Universidade de Vigo, Pintos tamén destaca por ter deixado “unha fonda pegada na formación de toda unha andaina de sociólogos e antropólogos que pasaron polas súas aulas”. “Era unha persoa cunha capacidade de análise moi aguda, con grande espírito crítico pero tamén un iconoclasta dentro da súa área na súa traxectoria”, apunta David Casado, que lembra como a última tese que dirixiu o sociólogo foi a da profesora da Universidade de Vigo Silvia Pérez.

Catro achegas

O novo exemplar de Cómaros, que corresponde ao volume 3, número 1-2, contén un monográfico sobre Pintos con catro textos. O primeiro deles titúlase Os imaxinarios sociais en tempos da posverdade: a importancia da lectura de Juan Luis Pintos. Nel  Milton Aragón aborda “a proposta teórico-metodolóxica de Juan Luis Pintos para o estudo dos imaxinarios sociais, que é unha referencia básica para esta temática de investigación en Hispanoamérica”. Esta proposta, detalla o autor, é neste artigo “exemplificada en relación á construción da realidade da posverdade”. O segundo dos artigos leva por título Anotación á teoría dos imaxinarios sociais do profesor Juan Luís Pintos. Asinado por Carlos Allones, nel pártese da lectura do artigo de Pintos Inclusión-exclusión. Los imaginarios sociales de un proceso de construcción social para achegar algunhas reflexións ao estudo dos imaxinarios sociais.    

Juan Luís Pintos de Cea Naharro, sociólogo galego, é a contribución asinada neste número de Cómaros por Marcelino Agis Villaverde. Nel, detalla o autor, faise un breve percorrido pola traxectoria profesional e intelectual do homenaxeado, “pai da socioloxía en Galicia e un dos sobranceiros sociólogos españois”. Por último, Ángel Enrique Carretero, que tivo unha colaboración moi estreita co homenaxeado, asina o texto Unha lectura das transicións na obra de Juan-Luis Pintos de Cea-Naharro en función das súas “circunstancias xeracionais”. “O presente traballo pretende interpretar a evolución da obra filosófica e sociolóxica de Juan-Luis Pintos de Cea-Naharro en función dunhas coordenadas socio-históricas, e especialmente “xeracionais”, onde se viu inmersa”, comenta o autor no seu artigo.

Outras temáticas

Completan este volume de Cómaros dous artigos científicos. O primeiro deles, asinado por Anxo Serafín Porto e Raquel Vázquez, achégase á figura de Vicente Viqueira, “o máis grande representante dos vínculos de Galicia coa Institución Libre de Enseñanza”, segundo destacan os autores do traballo. O segundo dos artigos, asinado por Brais González, leva por título Debolismo: democracia radical e decrecemento e parte do “pensamento débil elaborado por Gianni Vattimo” para falar de democracia e capitalismo e da alternativa que se propón dende o debolismo.