DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Ciencias da Educación David Casado convértese no seu editor xefe

A revista 'Imagonautas' abre unha nova etapa apostando por unha maior vinculación con América Latina

Está publicada polo Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/03/2019

A publicación Imagonautas. Revista interdisciplinaria sobre imaginarios sociales, editada polo Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, abre unha nova etapa tralo nomeamento de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, como novo editor xefe. Entre os novos retos que afronta a publicación están fomentar a súa vinculación con América Latina.

Trala morte en 2018 de Juan-Luis Pintos de Cea, editor da revista, “producíronse cambios na estrutura da revista”, segundo explica David Casado. Eses cambios, detalla, consistiron na eliminación da figura de director, que ocupaba o propio profesor do campus de Ourense, e o seu nomeamento como editor xefe, mentres que Milton Aragón, da Universidad Autónoma de Coahuila, en México, foi nomeado editor executivo. Tamén se incorpora ao comité editorial da revista Fátima Braña, antropóloga e profesora da Universidade de Vigo.

Internacionalización e especialización

Á fronte da revista, David Casado sinala a intención da publicación de apostar por dúas liñas de traballo principais. Por unha banda, indica, preténdese “ampliar máis a revista ao público latinoamericano”. Imagonautas, indica o seu editor xefe, “ten moita proxección en Latinoamérica pero queremos reforzala e potenciar o espírito internacional da revista”. Esta apertura, comenta Casado, pretende tamén ser vía para o establecemento de “máis interacción” con institucións académicas dese espazo. Así, adianta o profesor da Facultade de Ciencias da Educación, na actualidade “estamos iniciando un proceso para a elaboración dun convenio coa Universidad Autónoma de Coahuila, á que pertence Milton Aragón, editor executivo de Imagonautas”. Este convenio, apunta, non estará centrado na tématica dos imaxinarios sociais senón que pretende “potenciar a presencia da Universidade Vigo en xeral”.

A segunda liña de traballo que desde a publicación se pretende potenciar nesta nova etapa está centrada en consolidar a experiencia piloto desenvolvida o pasado ano de que a revista, que publica dous números anuais (un en maio e outro en novembro) manteña un dos números con contidos xerais, como ata o de agora, pero que outro sexa monográfico. Así, explica David Casado, que participa na revista desde o ano 2015, o último número publicado, o número doce, xa abriu esta liña de traballo ao estar dedicado ás formas de investigar sobre imaxinarios en México. O seguinte exemplar, que se publicará en maio de 2019 será xeral e o seguinte, que sairá do prelo en novembro de 2019, estará centrado na relación entre a literatura e os imaxinarios sociais.

Un referente no seu ámbito

Imagonautas, é unha revista interdisciplinaria sobre imaxinarios sociais creada en 1995 no seo do Grupo Compostela de Estudos sobre Imaxinarios Sociais para “contribuír ao diálogo interdisciplinar ao redor dos imaxinarios sociais e ás súas aplicacións na análise do social”. “Os imaxinarios sociais é entender que a percepción que temos da realidade social é unha percepción construída, que é o que determina a nosa interacción común”, comenta David Casado. A revista está aberta a propostas científicas sobre os imaxinarios sociais nos seus diferentes enfoques, de orientación tanto teórica como empírica, en calquera ámbito de coñecemento, publicando contribucións dos eidos de socioloxía, a topoloxía, a filosofía, os estudos literarios ou a arquitectura, entre outros. Os idiomas dos artigos poden ser español, inglés, portugués e galego.

Os obxectivos de Imagonautas son ampliar os espazos de produción de coñecemento e contribuír ao pensamento crítico nos ámbitos científico e social. É unha publicación de balde e aberta ao envío de artigos e recensións, cun sistema de revisión de dobre cego. Na actualidade, apunta o seu editor xefe, a revista xa está no circuíto das revistas de calidade académica trala súa indexación en diversos sistemas de avaliación e bases de datos. “Hai outras dúas revistas sobre imaxinarios sociais que se publican no mundo pero no ámbito latino a nosa é a que ten máis presencia xa que a outra é inglesa e a outra italiana”. Ademais, indica David Casado, a orientación da revista editada desde a Universidade de Vigo “é máis sociolóxica” que a das outras publicacións deste eido.