DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A situación da nova titulación foi un dos temas abordados este xoves polo Consello de Campus

Seguen os traballos para implantar Deseño e Creación no curso 2021-2022

Dirección e Xestión Pública estreará o vindeiro curso a súa modalidade virtual

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/03/2020

 

Os traballos que se están acometer desde o Campus Crea no marco do procedemento de acreditación dos campus de especialización aberto pola Xunta de Galicia, o proceso para conseguir a implantación, no curso 2021-2022, do grao en Deseño e Creación, e os preparativos para a posta en marcha, o vindeiro curso, da modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública. Estas foron algunhas das cuestións abordadas este xoves polo Consello de Campus de Pontevedra, nunha reunión que sumou ao informe do reitor, Manuel Reigosa, e do vicerreitor do campus, Jorge Soto, as intervencións do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, e da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, dirixidas a dar a coñecer aos e ás integrantes do órgano as actuacións que se están a levar a cabo desde as súas respectivas áreas. 

Segundo salientou Reigosa, a deste xoves foi unha xuntanza de “goberno ordinario do campus”, dirixida fundamentalmente a abordar “como están evolucionando algunhas cuestións”, no referido por exemplo ao proceso de acreditación do Campus Crea ou á implantación do grao en Deseño e Creación, respecto do que, apuntou, "seguimos negociando coa Xunta",  despois que a memoria da titulación recibise o informe desfavorable do Goberno galego, que impediu a súa posta en marcha para o vindeiro curso académico. 

Os preparativos da primeira titulación virtual

Como xa acontecera na anterior xuntanza do Consello de Campus, celebrada en xaneiro, ás intervencións de reitor e vicerreitor do campus, Jorge Soto, sumáronse as de outros membros do equipo de goberno. O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado presentou aos e ás integrantes do órgano colexiado as medidas que a institución académica está tomando en materia “de consolidación do profesorado e mellora das súas condicións de traballo”, á vez que abordou con eles a situación na se atopan as diferentes titulacións. Neste ámbito en concreto, Ramos referiuse ao proceso para implantar a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública, que se combinará coa presencial e substituirá progresivamente á actual modalidade semipresencial. O vicerreitor subliñou que se tratará da “primeira titulación en Galicia cunha modalidade virtual, polo que estamos sendo un pouco pioneiros neste campus" e explicou que en abril comezará a impartirse "un curso para o profesorado que vai participar no primeiro curso, para que saiban como deseñar o material e despois como impartilo”.  Por outra banda, no referido ao grao en Deseño e Creación, Ramos subliñou que a intención da institución académica é remitir á Xunta a nova memoria de verificación no mes de xullo co obxectivo de “en setembro de 2021 poder comezar” coa docencia do novo grao.

Potenciar a investigación

O Consello de Campus contou así mesmo coa intervención da vicerreitora de Investigación, que abordou, entre outras cuestións, o proceso de avaliación da produción científica, diferentes convocatorias de axudas ou as accións que se están a acometer en materia de recursos humanos. Coincidindo coa apertura da convocatoria para os Grupos de Referencia Competitiva (GRC) e Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), Rubio  incidiu na importancia de “dinamizar” a investigación no campus, lembrando que a Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade pode axudar aos grupos “para que se consigan máis proxectos”. Nese senso, a vicerreitora buscou achegar algunhas “recomendacións” que puidesen axudar a que os grupos do campus poidan optar ás axudas para GRC e GPC, como podería ser que “se xunten e combinen distintos ámbitos de coñecemento, o que pode axudarlles a conseguir máis masa crítica”, á vez que anunciou a futura organización dunha xornada formativa sobre preparación de proxectos para o plan nacional.