DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns gañaron por un axustado marcador de 22-27 ao Universitario Bilbao

Segundo partido, segunda vitoria para o equipo de rugby do campus

Con este resultado sitúanse terceiros de grupo na división de honra B estatal

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 23/09/2019

Esta fin de semana o Campus Universitario Ourense desprazouse ao País Vasco para enfrontarse o domingo na segunda xornada de liga ao recentemente ascendido Universitario Bilbao Rugby. O resultado final foi unha axustada vitoria de 22-27 para os xogadores ourensáns, que suman así a súa segunda vitoria da tempada e se sitúan terceiros do seu grupo na división de honra B do rugby estatal.

O equipo ourensán enfrontaba o encontro, que tivo lugar no polideportivo El Fango da capital biscaíña, coa convicción de que ía “ser un partido difícil” xa que agardaban que o equipo local, tras unha derrota na primeira xornada, “loitase duro para conseguir a súa primeira vitoria” co aliciente de ser ante a súa afección. “O partido foi bastante axustado e os de Bilbao non deixaron xogar ao Campus facilmente, manténdose moi preto no marcador durante todo o partido”, indican desde o club ourensán. Cunha forte dianteira apoiada pola súa liña de tres cuartos, engaden, o Universitario Bilbao fixo complicado acadar unha vitoria aínda que “a experiencia, o bo facer do Campus e o acerto co pé de Colombo axudaron a que a vitoria viaxase a Ourense”. A pesar do resultado axustado, desde o Campus Universitario Ourense recalcan como “esta vitoria sabe a moito dado que o Campus viaxaba minguado polas ausencias de varios xogadores“.

Na próxima xornada, o Campus Universitario Ourense volve a xogar en terras vascas, aínda que nesta ocasión contra Babyauto Zarautz RT, “equipo duro e con factor casa”, segundo indican desde o club.