DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus sumouse este mércores á celebración do 17 de maio

Seis pequenas historias para render homenaxe a Fraguas e ás letras galegas

Alumnado de Ciencias da Educación actuou ante 250 escolares

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/05/2019

O campus de Ourense sumouse este mércores á celebración do Día das Letras Galegas 2019 cunha actividade na que alumnas e alumnos dos graos de Educación Infantil e Primaria da Facultade de Ciencias da Educación representaron seis dramatizacións de contos infantís ante un público formado por 250 nenas e nenos do CEIP Mestre Vide da cidade. Con esta actividade quixeron render homenaxe a Antón Fraguas, a quen se lle dedica este ano o 17 de maio, e “reivindicar un futuro para a cultura e a lingua galega”.

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, foron as encargadas de dar a benvida ás e aos escolares e ao profesorado que os acompañou na súa visita ao campus. Nas súas palabras destacaron a ledicia que supón para a institución académica abrir as súas portas a nenas e nenos e compartir con elas e eles a festa da cultura galega. Segundo explicou Mati González, unha das profesoras que acompañou ás e aos escolares, para participar nesta actividade achegáronse ao Edificio de Ferro 250 nenos e nenas dos tres cursos de Educación Infantil e de primeiro e segundo curso de Educación Primaria do CEIP Mestre Vide. “No noso centro traballamos moito o Día das Letras Galegas e gústanos que os nosos alumnos participen neste tipo de cousas, son actividades que resulta moi atractiva para eles”, comentou Mati González, lembrando como xa teñen participado en anos anteriores da programación organizada no campus de Ourense co gallo do 17 de maio. 

Aprendizaxe e transferencia

“Trátase de conmemorar a efeméride do Día das Letras Galegas, neste caso dedicada a Fraguas, e facémolo cunhas dramatizacións para escolares feitas a partir da adaptación de libros infantís que leron os nosos alumnos e alumnas”, comentou Isabel Mociño, unha das profesoras de Ciencias da Educación que organizou a actividade. Así, detallou, a homenaxe consistiu nunha sesión na que o público puido ver seis dramatizacións de contos feitas como exercicios de aula por arredor de 60 estudantes de segundo curso de Educación Infantil e Primaria e de cuarto curso de Educación Primaria de distintas materias, como son Lingua e Literatura, Didáctica e Música. “O que queremos con esta actividade é que o alumando transfira, que chegue aos destinatarios finais do seu trabalo. É unha actividade de aprendizaxe para eles e elas, queremos que vaian aprendendo a xestionar ao futuro alumnado co que van ter que traballar cando sexan mestres e mestras”, comentou Mociño.

As dramatizacións arrancaron cunha titulada Xogamos con Fraguas, na que dúas alumnas deron ás e aos escolares presentes unha pincelada sobre o escritor galego salientando a súa faceta como historiador, antropólogo e etnógrafo e as viaxes que realizou por Galicia en busca de “tesouros” e que lle permitiron escoitar moitas historias, segundo explicaron as estudantes na súa actuación. Seguíronlle pezas sobre os contos O sultán e o queixo, A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, A mellor torta do mundo, O corazón e a botella e Corre corre, cabaciña. As dramatizacións  tiveron diferentes estilos e estratexias, elaborando cada grupo de estudantes a escenografía, os diálogos, as traducións, as adaptacións, o vestiario, o decorado, a música, etc. Das actuacións, Isabel Mociño salientou ao seu remate o esforzo feito polo alumnado para “dramatizar diante dun público real e moi numeroso” e a importancia de que as e os estudantes vexan “se o seu traballo chega ou non ou que problemas ten con respecto á relación que se establece co destinatario último, que son as nenas e nenos”.

Buscando a normalización cultural

Trala celebración do acto, Isabel Mociño destacou tamén a importancia de conmemorar o Día das Letras Galegas. “É necesario seguir celebrando efemérides, basicamente polo feito de que temos que normalizar a nosa cultura. Precisamente os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria son as xeracións do futuro, as que están chamadas a esa normalización que de momento non temos”, apuntou a profesora. “O Día das Letras Galegas ten que seguir asentando aínda máis a lingua galega a través do recoñecemento que supón destacar personalidades que contribuíron á formación da nosa cultura e ás que por suposto temos que lembrar”, subliñou. Neste aspecto, Mociño recalcou o papel dos mestres e mestras como mediadores e transmisores culturais.