DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro terá lugar na Escola de Enxeñería Industrial o vindeiro mércores 22 de maio

O Seminario de Loxística volverá traer ao campus 200 profesionais deste sector

Este ano o programa vertébrase en torno a unha temática central: a industria 4.0

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 16/05/2019

Arredor de 200 profesionais asistirán a vindeira semana na Escola de Enxeñería Industrial á XXVII edición do Seminario de Loxística, unha cita clave na que cada ano se presentan as últimas tendencias neste sector. Será o mércores 22 de maio e no encontro coincidirán numerosos especialistas na materia co alumnado da escola, sobre todo do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial e do Curso de Especialista Universitario en Dirección de Loxística e Produción, xa que o curso ofrécelles a oportunidade de entrar en contacto directo co mundo empresarial.

Á fronte desta iniciativa está un ano máis o catedrático do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Jose Carlos Prado, quen salienta que os principais retos a afrontar dende a organización loxística das empresas son, a día de hoxe, “a flexibilidade para atender ás esixencias do mercado, compatibilizándoo coa cobertura das necesidades das persoas, así como contribuír a competitividade das distintas firmas e facer fronte aos desafíos do progreso tecnolóxico”. Para poder encarar esta realidade, a colaboración entre empresas, o deseño estratéxico e a industria 4.0 serán os temas que abordarán os relatores nas catro conferencias que compoñen o programa deste ano, que está centrado, sobre todo, en todo o que xira arredor da industria 4.0 e os retos do sector, tanto os actuais como os que están por vir no futuro. 

Temáticas “moi interesantes e de clarísima actualidade”

Prado salienta que os temas que se van tratar son “moi interesantes e de clarísima actualidade” e, neste sentido, fai fincapé en que a intención do seminario é achegar o que se está a facer nas empresas á universidade. A conferencia inaugural do seminario, Aplicación de Big Data en la gestión de las cadenas de suministro, correrá a cargo de Aníbal Vian, de PricewaterhouseCoopers (PwC), e nel este especialista abordará a utilización de grandes cantidades de datos para o correcto funcionamento das cadeas de subministro das empresas. Seguindo coa temática central da edición deste ano, Jorge Ortega, enxeñeiro de Loxística en GKN Driveline Vigo, presentará un relatorio titulado Una experiencia de implantación de AGVs para dar servicio a las líneas de produccción, centrado no emprego de vehículos de guiado automático nas cadeas produtivas das empresas. 

Completarán o programa os relatorios La logística de distribución en Vegalsa-Eroski. Actuaciones, retos y desafíos, a cargo de Fernando Casal, director de Loxística en Vegalsa-Eroski; e Red de intercambio. Implantación y mejora de indicadores y captura de datos en Partenón, a cargo de Miguel Carballás e Jorge Yañez, responsables de produción e I+D+i en Partenón, empresa galega líder no deseño e confección de vestiario técnico para corpos e forzas de seguridade.

Inscricións ata o luns 20 de maio

Aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse, de forma gratuíta, a través do formulario dispoñible na páxina web do Grupo de Ingeniería de Organización. O prazo de recepción de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro luns día 20.