DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 24 de maio permanece aberta a inscrición nos cursos propostos pola Vicerreitoría 

Sete propostas para estender a formación ao longo do verán

Publicidade, saúde, exercicio físico e sistemas de información gráfica centran as novidades

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/04/2019

Abertos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía e cun total de 340 prazas no seu conxunto, os sete cursos de verán que promove a Vicerreitoría do campus permitirán formarse, entre os meses de xuño e setembro, en áreas como a saúde e o deporte, a comunicación empresarial, a impresión tridimensional ou os sistemas de información xeográfica. Ata o 24 de maio permanece aberta a inscrición nesta serie de propostas formativas, á que se incorporan como novidades os cursos sobre análise do rendemento para a prescrición de exercicio físico, vida saudable da muller, experiencias de éxito en publicidade e relacións públicas no eido empresarial e sistemas de información xeográfica. 

A estas catro propostas súmanse así mesmo novas edicións dos cursos sobre marcha nórdica, impresión 3D e ensino de ciencias con programación, robótica e encerado dixital, que xa formaron parte dunha programación formativa que, como salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, contribúe a “mellorar os coñecementos e competencias” do alumnado sobre diferentes temáticas relacionadas cos diferentes graos que se imparten no campus. Nese senso, Soto incide tamén en que “procuramos que sexa unha oferta ampla” que contribúa á súa vez a potenciar “a formación continua e a aprendizaxe ao longo da vida, que consideramos imprescindible para reciclarse ou para adquirir coñecementos específicos”.

Catro propostas para o mes de xuño

Entre o 31 de maio e o 8 de xuño, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o curso Marcha nórdica. Exercicio, físico, terapia e deporte, dirixido polo profesor Iván Martínez, que propón unha introdución a esta disciplina baseada no uso de dous bastóns, que se apoian no chan de xeito alternativo mentres se camiña, e nas súas potencialidades a través de sesións teóricas e prácticas. Nesta facultade terá lugar tamén, entre o 4 e o 6 de xuño, o curso A análise do rendemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento, dirixido polo catedrático Carlos Lago e dirixido a coñecer de que se xeito se pode intervir na práctica, prevención e recuperación de lesións a partires da análise do movemento, coñecer as novas tendencias neste eido ou afondar nas posibilidades laborais que supón. Con contidos teóricos e prácticos, o curso contará coa participación de investigadores, adestradores, preparadores físicos ou fisioterapeutas.

Tamén en xuño, esta facultade acollerá unha nova edición de Ensinar ciencias con programación, robótica e encerado dixital interactivo, que, co subtítulo de Un achegamento ao pensamento computacional, busca abordar a integración da tecnociencia na educación do século XXI, así como achegar ás e aos asistentes novos recursos para ensinar ciencias nas etapas de educación infantil e educación primaria, valéndose de xoguetes interactivos, programación ou interfaces gráficas. Por outra banda, entre o 3 e o 14 de xuño, Belas Artes acollerá unha nova edición de Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, que o profesor da facultade Ignacio Pérez Folgado imparte xunto á artista 3D Eugenia Suárez, e que levará ao alumnado a experimentar coas posibilidades creativas dos sistemas de modelado e impresión tridimensional desde unha mirada artística. 

Opcións para xullo e setembro

Un ano máis, o auditorio de Catoira será escenario dun dos cursos de verán do campus, Vida saudable da muller ao longo do seu ciclo vital, que, baixo a dirección do profesor Manuel Isorna e a participación de profesionais da pediatría, a xinecoloxía, a psiquiatría e a psicoloxía, o deporte ou a educación social, buscará entre o 3 e o 5 de xuño achegar unha visión global e multidisciplinar que permita a comprensión e atención axeitada á muller ao longo do seu ciclo vital.

Xa en setembro, a EE Forestal será a sede do Curso de QGIS. Estudo, análise e caracterización dos recursos e ecosistemas naturais e partir dos Sistemas de Información Xeográfica (GIS). Impartido polos docentes do centro Xana Álvarez, Luis Ortiz e Enrique Valero, e pola investigadora da University of Freiburg Andrea Janeiro, o curso ten entre os seus obxectivos achegar aos e ás asistentes ao manexo de ferramentas SIG para desenvolver solucións innovadoras a problemas medioambientais, así como para a xestión de recursos hídricos, bosques ou biodiversidade.

Por último, entre o 3 e o 12 de setembro, Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá Experiencias de éxito en publicidade e relacións públicas de Pemes galegas. 10 casos vividos en primeira persoa, un curso dirixido por Aurora García que abordará o papel da publicidade, as relacións públicas ou o márketing no eido empresarial a través dunha serie de casos reais que serán narradas polos e polas profesionais de diferentes empresas que os xestionaron.