DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este xoves unha xornada sobre os retos en I+D

Sete voces para escoitar no camiño da universidade cara a excelencia científica

Contou coa participación de investigadoras e investigadores Highly Cited Researchers

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Reitor
  • Visitas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 07/03/2019

O financiamento, a captación e a fuga de talento, a comunicación, o acceso en aberto ao coñecemento, os modelos de gobernanza, a carreira investigadora, o modelo de universidade... estes son algúns dos grandes retos que afronta a política científica. Para afondar no debate sobre cal debe ser o futuro en I+D e para as propias universidades, o campus de Ourense acolleu este xoves unha mesa redonda na que, baixo o título A universidade cara a excelencia científica, sete investigadoras e investigadores de excelencia, todos eles e elas co selo Highly Cited Researchers, expuxeron a súa visión sobre estas cuestións.

A mesa, que estivo presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo e moderada por María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, contou coa participación de Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo; Maurizio Battino, investigador distinguido na Universidade de Vigo experto en bioquímica; David Posada, catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo; Luis Liz Marzán, director científico do CICbiomaGUNE, no País Vasco, e Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela. Completaron o panel Lillian Barros e Isabel Ferreira, procedentes do Centro de Investigação de Montanha (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal, experta a primeira en fitoquímica, bioquímica e química analítica e a segunda en química e tecnoloxía de produtos naturais.

As e os participantes na mesa foron incluídos nalgún momento na Highly Cited Researchers List, o listado anual das e dos investigadores máis citados elaborado por Clarivate Analytics e baseado nos traballos publicados e citados durante a última década. Durante a súa autopresentación as e os investigadores participantes no debate destacaron como este logro, e en xeral o maior logro nas súas respectivas traxectorias, foi contar con equipos que fixeron posible este traballo e os avances acadados nas súas respectivas áreas de coñecemento, facendo fincapé na satisfacción que supón obter resultados que logo teñen un impacto positivo na vida real das persoas.   

O acto celebrado en Ourense, que contou coa asistencia de Esther de  Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, e membros da comunidade universitaria arrancou cunha presentación do reitor na que salientou como esta xornada xurdiu da convicción de que unha “universidade excelente é unha universidade que investiga, unha universidade que ten moitos investigadores e na que algúns deles teñen que rachar os moldes e saír por riba, ter un maior impacto en publicacións e un maior impacto na sociedade”. Así, amosou a súa confianza en que foros como o deste xoves “nos dean moita información sobre como debe ser unha universidade que quere facer ciencia excelente”.

Do financiamento á comunicación

A mesa redonda xirou arredor de varios bloques temáticos. Un deles estivo centrado na gobernanza e o financiamento, achegándose as e os relatores a cuestións que abrangueron desde o modelo de país que se articula en función do seu investimento en I+D ata o papel das comunidades autónomas ou os efectos da crise económica. Neste senso Luis Liz Marzán salientou como en España “está claro que a prioridade dos gobernos non foi fomentar a investigación como motor do desenvolvemento" senón que se apostou por outros como o turismo. Neste senso falou da Axencia Estatal de Investigación, nada, apuntou “dunha petición continuada da comunidade científica” pero que, lamentou, non ten acadado o nivel de financiamento e independencia que se pretendía. Para achegarse a outros modelos, Isabel Ferreira expuxo a situación en Portugal abordando por unha banda como “o goberno incentivou moito o investimento en ciencia e a captación e evitación da fuga de talento” e por outra como no país veciño se traballa na captación de fondos privados. “O financiamento público debe ser na miña opinión para constituír misións iniciais, estratexias iniciais de investigación, pero logo a industria e outros sectores privados teñen a obrigación de financiar a ciencia”, afirmou.

En relación co modelo en I+D tamén se abordou a necesidade de reformas no eido universitario, tratando aspectos como a endogamia, os incentivos, a carreira investigadora e docente, a avaliación do traballo, a flexibilización ou o papel dos novos centros de investigación. Neste bloque Jesús Simal subliñou a importancia da flexibilidade para poder ter “unha universidade competitiva a nivel internacional” pero fixo fincapé no feito de que “realmente nunha universidade cuxos orzamentos dependen basicamente da administración autonómica en máis do 90% a folla de ruta establécese moito a nivel político e de comunidade autónoma”. Pola súa banda, Juan José Nieto destacou como é necesario “vontade e recursos” para mellorar a situación da universidade salientando a importancia de dotala de medios económicos axeitados, permitir que haxa un traspaso de persoal investigador entre universidades e centros de investigación e fluxo deste persoal tanto estatal como internacional cara as universidades.

Tamén se abordou na xornada o tema do máketing científico e as estratexias de publicación, de como pode axudar a comunicación a mellorar o impacto científico ou a captación de fondos e a postura arredor do acceso libre ao coñecemento e á produción científica. Neste senso Maurizio Battino salientou como “a ciencia de alto nivel non debe perder de vista a comunicación coa sociedade” para que “a xente comprenda porque é importante o investimento nela”. “Cando a sociedade ve a aplicación que ten na súa vida a investigación iso ten un grande impacto”, apuntou pola súa banda Lillian Barros. Sobre o acceso libre e en aberto, David Posada comentou a súa convicción de que “toda ciencia froito de fondos públicos ten a obriga de facelo todo en aberto”. O último dos bloques xirou, moi en relación con todo o dito nos anteriores apartados, na captación e fuga de talentos, abordando o impacto que neste punto ten o financiamento e as características dos programas postos en marcha.